“A miña obra é, ou quere ser, un conxunto unitario, Un artefacto”

Vicente Araguas ten tras de si unha longa traxectoria no mundo da creatividade. Este licenciado en Filoloxía Inglesa, cun amplo bagaxe literario nas costas, ven de publicar a versión española do seu último libro, 'Xuvia-Neda', do que fala nesta entrevista. Araguas será precisamente o próximo protagonista do Foro La Región, mañá xoves (Centro Cultural da Deputación, 20.00 horas), aínda que o tema que abordará é ben distinto: 'Bob Dylan non fala caladiño'.
Como naceu esta recopilación de relatos que conforman “Xuvia-Neda'?
Supoño que 'Xuvia-Neda' naceu comigo. Alá polo setembro de 1950, cando aparecín neste mundo en O Portazgo de Neda. Quero dicir que sempre levei as historias que conto na miña alxibeira. Non máis tiña que pasar o tempo, a peneirar todo, como sempre fai.

Que aporta esta obra á súa xa ampla traxectoria literaria?
Este volume apareceu en galego en 2010, sendo o meu primeiro libro de relatos. Detrás quedaban dúas novelas, unha dúcia de libros de poemas, un ensaio e milleiros de artigos. En puridade complementa, coa linguaxe propia do relato breve, o demais. A miña obra é, ou quere ser, un conxunto unitario. Un “artefacto”.

“Xuvia-Neda' son vivencias persoais, recordos nostálxicos dun tempo feliz?
Vivencias persoais? Moitas. Son dos que pensan, pois practico o realismo con poucas concesións á fantasía, que se escribe como se vive. Daquela deixo que a miña vida entre na miña escrita. Mais, ollo, cando narro, narro, cando escribo memorias, memorializo. Ou algo así.

Por que elixiu neste caso o relato curto para expresarse?
O relato curto é cousa ben diferente á novela. Pola extensión, desde logo, mais tamén polo “tempo”. Así e todo, desta volta, eu quixen comprimir o meu mundo, pequeno pero grande, nun libro que fose como unha “suite”, mais con diferentes movementos. Xa que logo esta colección de relatos. Agora tamén en español.

Está a traballar xa nun novo proxecto literario?
Novos proxectos, uns cantos. Mais polo momento compre espallar as novidades. Ademais da versión española (de Andrea Araguas) de 'Xuvia-Neda'; un libro de poemas, 'Cando fóramos nevar', e unha escolma dos artigos publicados entre 2001 e 2012 en Diario de Ferrol, 'Miudiño'.

Como ve desde Madrid a creatividade literaria galega?
Desde unha primeira liña. Na que estou, desde hai moitos anos, como crítico literario en diferentes medios, tamén dalgunha maneira en La Región, na miña columna dominical 'Rabo de nube'. Atento a canto se escribe en Galicia. Desde a certeza de que, malia tantos atrancos, vivimos un bo momento literario.

Hoxe en día cecais un libro é un dos últimos refuxios que nos quedan. Bota de menos unas ‘voces ceibes’ que berren contra os tempos que estamos a vivir?
A canción de autor, belixerante, de tendencia está en crise. Pagando, ela tamén, a prepotencia e a falla de criterio dos anos de vacas grosas, dicían. Agora que veñen as fracas, dicimos, volverán moitas cousas. Tamén a canción comprometida. En Portugal cantan de novo Grándola, un síntoma.

Que queda en Vicente Araguas de ‘Voces Ceibes'?
Home, moitas cousas boas, espero, e unha chea de experiencias que me axudan a escribir mellor, quixera. A mocidade, non, lástima fora, que como dixo o cínico é a única doenza que se cura cos anos. Polo demais aquí sigo, con gañas, con forza.

Te puede interesar