“O peor desta provincia é que se está indo xente moi preparada'

Ramón Caride Ogando, escritor de novelas de evasión. (Foto: Archivo)
Ramón Caride Ogando reside en Cambados dende o ano 1989, pero segue mantendo os vínculos con Ourense, máis concretamente con Cea, o seu concello de orixe. É un escritor con 50 publicacións as súas costas, dende poesía, novela, pasando pola ciencia ficción e a literatura infantil, pola que sinte unha especial predilección. O último que acaba de publicar titulase 'O capitán Aspanitas e o Misterio das Burgas', recreado nese emblemático entorno termal da capital.
Cando se leva tantos anos residindo fora, acaban por perderse os vínculos coas raíces?
Non considero que esté fora porque non pasa un mes sin que vaia a Ourense. A miña nai está en Cea, teño un irmán en Maside e a miña muller é de Manzaneda, por iso estou a medio camiño, non perdín ningún vínculo nin con Ourense nin con Cea.

En que está traballando agora?
Estou escribindo outro conto infantil e acabo de rematar 'O capitán Aspanitas e o misterio das Burgas', ambientado na cidade de Ourense, concretamente nas termas, e que presentarei en xaneiro do ano que ven. Ademáis, acaba de sair en Xerais unha recopilación de relatos e de novelas de serie negra: 'Sarou/Louzos', son libros para adultos que estaban esgotados, e que presentarei en novembro en Vilagarcía, aínda que xa está a venta nas librerías.

Na súa creación abundan os argumentos que teñen como escenario Ourense.
Teño a provincia moi presente, ainda que non son consciente de que escribo sobre ela, pero supoño que as vivencias de neno son as máis intensas e non se esquecen.

Como ve vostede a provincia dende ese lado da costa no que se atopa?
A provincia é unha unidade administrativa. A situación do Barco de Valdeorras seguro que non é equiparable a do Carballiño. Penso que Galicia funciona por comarcas. Por exemplo, eu non sei moito o que pasa en Verín, pero teño unha idea do conxunto e creo que é unha provincia que está bastante estancada, tanto a nivel demográfico como económico. Non quere decir que non teña potencialidades, e hai xente moi preparada, pero ainda queda moito por facer. Asituación económica é mala e faltan perspectivas, pero o peor de todo é que se está indo a xente xoven que está moi preparada, nunca o estivo tanto, e eso é moi triste.

Por qué está pasando eso?
Ten que ver coa clase política, que se preocupa máis polo seu benestar . Estamos indo para atrás e eso é preocupante. Fai tempo que estiven en Argentina e o que estaba pasando alí eu pensaba que aquí nunca ocurriría, pero sí pasa, e todo pola mala xestión, ainda que penso que volveremos a unha situación mellor.

Pensa que hai un desequilibrio entre o interior e a costa?
Si, e ese desequilibrio en gran parte é demográfico, hai moita xente do interior traballando na costa e por iso a costa é máis dinámica. Penso que a xente debería estar traballando no seu lugar de orixe, porque o desequilibrio débese en gran parte a que non hai xente.
Cómo lle afecta a crise ós escritores?
Os escritores estamos menos afectados pola crise porque a crise forma parte de nós en Galicia. Hai moi poucos que podan vivir de escribir, cóntanse cos dedos da man e sobran. A quen máis lle repercute é as editoriais, ós músicos, ós actores, ós deseñadores gráficos, en xeral, a todo o mundo, pero ós escritores menos porque xa estabamos mal, e onde non hai non se pode empeorar. A situación xa non permitía vivir da literatura porque o mercado galego é pequeno e non temos capacidade para vendernos fora, non temos medios nin axentes literarios que son os que fan que un autor poda vivir do que escribe.

E non ten solución?
Si, hai paises como Finlancia, Islandia ou Dinamarca, en xeral todos os nórdicos, nos que os gobernos consideran prioritaria a cultura e apostan moi forte pola política cultural.

Con este panorama, ata debe ser difícil inspirarse para escribir.
Escribir non é o resultado dunha inspiración, no meu caso responde a unha necesidade interior. Por exemplo, a situación de crise non me condiciona, o que quero é evadirme, escribir sobre un mundo imaxinario. Agora non é a mellor época pero tampouco é a peor, porque meus pais tiveron que pasar moitos apuros para pagar os estudios meus e do meu irmán, penso que a deles era unha vida peor que agora. Creo que non estamos no fondo do puzo, na historia houbo épocas moito peores.

Cal é a súa maior aspiración?
En novembro do 2006 empecei a novela máis longa das que levo publicado, ten máis de 300 páxinas, a ver se a remato entre este ano e o que ven. O que non sei é se chegará a ter repercusión, despois de 10 anos da última novela 'Sangue dos Camiños'; e paralelamente a este reto sigo cos relatos curtos. Non penso a moi longo prazo, o que xurda vouno facendo.

A literatura infantil é un dos campos que lle gusta, ten que ver co feito de exercer como docente?
Non o asocio coa tarefa de mestre, pero ó estar entre rapaces sempre ves o que lles pode gustar, ainda que realmente escribo historias infantís porque me apetece, non por ser profesor, incluso penso que pesa máis o feito de ser pai, casi todos acabamos escribindo para os nenos ó ter fillos.

Cando empezou a escribir pensou que chegaría a publicar ata 50 libros?
Empecei en 1981, unha época de moita efervescencia política, cando descubrín que existía a literatura en galego, algo do que non era consciente ata que cheguei a Santiago. E despois foron sucendéndose os libros un tras outro, e agora xa podo decir que non son un aficionado.

Te puede interesar