“Quero ser a voz dos movementos sociais'

David Fernández Calviño. (Foto: Xesús Fariñas)
Os resultados das urnas ourensás outorgáronlle a David Fernández Calviño (Toén, 1979) un dos 14 asentos reservados no Parlamento de Galicia para a provincia. É un enxeñeiro forestal en paro que pasa a ocupar un escano remunerado pero, sobor de todo, foi a sorpresa en Ourense das eleccións autonómicas do domingo. O tamén investigador di que agora tratará de velar por Ourense como representante de Alternativa Galega de Esquerda, para ser, especialmente, a voz dos descontentos coas políticas de recortes do PP.
Confese: foi ou non foi sorpresa acadar un escano no Parlamento?
Tiñamos moitas ilusións e esperanzas. É certo que non agardabamos tanto apoio, ata nove parlamentarios tivemos en Galicia, senón que contabamos en Ourense cun 5,5 ou 6%, unha porcentaxe que xa nos outorgaría un escano.

Vostede procede do eido investigador. Que cre que pode aportarlle a súa experiencia á cámara de representación?
Sobre todo, podo interceder na área de I+D e no apoio ós xoves investigadores. Iso é no que me gustaría colaborar. O meu obxectivo é ser a voz dos movementos sociais, non só da mocidade, senón tamén das plataformas sanitarias, por exemplo, que loitan por un servizo público, gratuito e de calidade. Quero ter contacto con estes colectivos para tratar de solucionar os seus problemas.

Considera que os parlamentarios ata agora non tiveron moi presente á sociedade?
Dende logo. De feito, creo que a desafección política ven de aí, desa ruptura no contacto seguido coa situación da cidadanía.
Aínda que só pasaron uns poucos días dende as eleccións, xa ten máis ou menos definida a estratexia a seguir dende o seu escano?
Teño aínda que poñerme ó día pero o que si teño claro é que intentarei estar no Parlamento o menor tempo posible para poder seguir en contacto cos ourensáns. Xa me teñen incluso preguntado se alugarei un piso en Santiago, porque ó parecer é o habitual entre os deputados, pero eu non teño ningunha intención de facelo. Prefiro sguier a vivir en Ourense porque esta e a miña provincia e dende aquí estarei más perto dos que me necesiten.

Cales considera que son os asuntos prioritarios a tratar unha vez que se constitúa o novo Parlamento?
Para min o máis importante son os temas relacionados coa sanidade, o ensino público ou a atención ás persoas dependentes e ós maiores. Eses tres ámbitos son absolutamente urxentes. Durante a campaña electoral vin cousas moi duras como por exemplo unha nena con problemas auditivos que só tiña traductora no instituto dúas veces por semana cando o habitual antes era tódolos días. Ese tipo de cousas tan só requiren algo de vontade política e non son necesarios grandes investimentos.

Te puede interesar