“Temos unha débeda cos países do sur'

La técnica de Termalismo, Nuria González Álvarez.
Cada ano, o Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade organiza 'Vacacións con Traballo', un programa de voluntariado en países do Sur dirixido a persoal dos concellos e deputacións socios da organización. A ourensá Nuria González foi unha das tres elexidas na edición 2012. Estivo durante un mes apoiando un programa de desenvolvemento turístico na cidade nicaragüense de Somoto.
En que consistiu a súa estancia en Nicaragua?
Colaborei nun proxecto de turismo rural comunitario no que traballa o Fondo Galego de Cooperación a través do Inprhu (Instituto de Promoción Humana), que é unha organización de alí. Estaba case rematado, trátase de vivendas para a comunidade que contan cunha habitación para turistas. O visitante convive na comunidade, e o que se trata é de ensinarlles ós veciños aspectos turísticos para que o proxecto funcione e poidan conseguir uns ingresos extra, ademais de ter unha vivenda digna. O meu papel foi principalmente, de sensibilización e formación, aínda que colaborei noutras tarefas que facían falta, como sinalizacion de sendeiros, por exemplo.

Que lle aportou esta experiencia?
Foi unha experiencia única e moi enriquecedora que nunca esquecerei. Achegoume a unha realidade diferente, a un país incríble e deume a oportunidade de participar nun proxecto que responde a unha necesidade real, que é a vivenda digna. É un proxecto moi ben planificado, no que a xente está moi implicada e que vai a funcionar.

Por que decidiu participar neste proxecto?
O mundo das Ongs e a cooperacion internacional sempre me chamou moito, aínda que por circunstancias terminase traballando no Concello. Cando souben deste programa pensei 'é para min'. As causas das desigualdades Norte-Sur non deixan de derivarse da propia historia onde a metrópoli alcanza benestar expoliando recursos e pobación local. Considero que é unha débeda histórica que hai que reparar e da que todos somos responsables. O Fondo Galego de Cooperación traballa nesta liña de responsabilidade e de loita contra a pobreza, e esa foi a principal razón pola que me apuntei.

Foi como esperaba?
A verdade é que non ía cunha idea preconcebida, non sei o que me esperaba. Do vivido alí destacaría sobre todo a capacidade de traballo tanto da xente da propia comunidade como das cooperantes - traballan moi ben e moitísimo-, e gustoume moito o tipo de proxecto e ver que funciona. De feito, cando paren as choivas, comezará a construcción de 12 vivendas mais.

Topou con algunha dificultade de adaptación?
Ningunha, todo o contrario. Sentínme moi ben acollida, fixéronme moi fácil a estancia, tanto a familia coa que vivín, coma o resto de veciños da comunidade, así como os compañeiros de traballo. Fixen unha vida normal, sen ningún tipo de incidencia.

Una vivenza que recomendaría?
Por suposto. Penso que é unha experiencia única que todo o mundo debería vivir algunha vez na vida, participar dunha cultura diferente enriquece moitísimo.

Te puede interesar