ENTREVISTA

Chita: "A rúa é o noso Entroido, aí é onde se fai a maxia da catarse colectiva "

chita verin
photo_camera Chita dando o pregón o Domingo de Corredoiro en Verín o ano pasado.
Neste "non Entroido", Miguel Ángel Prieto conta as súas vivencias persoais e a forma que ten de entender o Entroido de Verín

Miguel Ángel Prieto Sotelo, nado no 1968 e máis coñecido na vila do Támega como Chita, é un deses entroideiros que non pasan desapercibidos en Verín. No ano 2020 foi o encargado de dar o pregón o Domingo de Corredoiro, e este ano, a falta de Entroido, Chita comparte a súa forma de ver esta celebración e o sentimento que leva dentro. 

CHITA VERIN

Nin a Guerra Civil, nin a ditadura acabaron co Entroido, e parece que o coronavirus este ano marcou unha pausa. Como afronta isto?

Este ano foi fatídico para os que amamos o Entroido. Lembro cando atopaba no caixón de meu avó as cartas do Goberno prohibindo o baile de Entroido na sala de festas que se rexentaba nos anos 50 e 60, non podía entender aquelo. Menos mal que nunca se lle fixo caso a esa prohibición. Agora vexo que non fai falta a ditadura para que se paralice esta festividade. Pero esta vez, coido que é necesario para poder vencer á pandemia.

Sairemos máis reforzados desta situación?

Sairemos reforzados seguro. Teremos moitas máis ganas de entroidar. O Cigarrón vai correr máis rápido e con máis brío. A xente terá no Entroido a terapia de rehabilitación deste dano tan grande por mor do virus.

Que nos deparará o vindeiro Entroido?

Se mo preguntan fai uns anos cando saíu á rúa a pitonisa "Con Chita" acertaría todo o que se me preguntase (risos), pero agora sabe deus o que nos vai deparar. O que che podo dicir é que os entroideiros vamos a desfrutar ao máximo o 2022 e recuperar o perdido deste ano. Coido que haberá máis ganas, máis parodias e todo vai a ser máis grande.

É tempo de Entroido, nunhas condicións normais, que andaría argallando?

Este ano estariamos no "meollo" da festa, andariamos polo barrio vello facendo Entroido, coa nosa parodia e coa nosa alegría, desfrutando da festa máis grande desta vila. Deixarémola para o ano que ven onde sen dúbida gozaremos o dobre.

Unha personaxe que non faltaría á cita, e que incluso este ano está presente a través das redes é Frei Chitín. Quen é e de onde xurdiu este personaxe? ​

O Frei Chitín anda polas redes porque é un personaxe que entrou na alma da xente de Verín despois da gala do Entroido do ano pasado, onde celebramos con éxito un festival entroideiro que non esqueceremos.

Este disfraz levaba tempo no baúl e un día deume por sacalo para dar un pregón de Entroido na adega en Ábedes cos amigos, e dende aquela, Óscar Conde comezou a darlle votlas a "cachola" ata que me liou na película que grabamos o ano pasado xunto con Damorín, outro entroideiro que nos acompaña sempre dende que eramos nenos. 

Foi o último pregoeiro do Entroido de Verín. Que supuxo para vostede subir a un escenario e falar para a xente de Verín sobre esta celebración? 

Ser o pregoeiro do Entroido no teu pobo é o máximo que lle pode pasar a un entroideiro. É un agasallo, poder soltar o sentimento que levas dentro diante de tanta xente. Síntese un importante pero tamén se pasan moitos nervios, xa que o que desexas é agradar á xente e que todo sexa unha festa de Entroido máis.

Estou agradecido polos aplausos, polas críticas positivas e sobre todo pola sensación que sentes cando os máis maiores che din que se emocionaron e que lograches levantar o espíritu do Entroido de antes e dos de antes, que aqueles si que eran valentes. 

A quen proporía como candidato para o próximo pregón en Verín?

Eu penso que hai moita xente válida para dar o pregón do Corredoiro, pero só pido que sexa de aquí, que sinta o Entroido. O que non me gustaría ver máis enriba do escenario é a un personaxe que nin coñece nin sinte o noso Entroido, eses que só veñen polo cheque.

Agora sen centrarnos no pasado ano, leva toda a vida facendo Entroido. Ser entroideiro lévase na sangue? 

Eso faise pouco a pouco. Un entroideiro vaise cocendo a fogo lento como un bo cocido. Eu dende logo funme fixando nos vellos entroideiros que sempre tiñan un guíño cara nós, os que estabamos empezando. Eles son os que te levan ao máis alto porque eles foron e serán insuperables. Eu emociónome cos nenos que saen o Xoves de Comadres no seu desfile, quítome o sombreiro todos os anos, son os mellores.

E ao longo de todos eses anos, viu algunha evolución no Entroido? 

Todos os anos vamos a máis, temos que seguir mellorando en moitos aspectos, pero sobre toda na rúa, hai que rebentar a rúa con parodias e ironía. A rúa é o noso Entroido, aí é onde se fai a maxia da catarse colectiva dun pobo entroideiro.

E para rematar, se agora tivese que subir outra vez a ese escenario da Praza García Barbón para dar unha mensaxe aos verinenses, que lles diría? 

¡Aguantade como sabedes facer, este ano non se pode pero para o ano que ven, ímola rachar, deso xa teñen constancia os deuses!

Te puede interesar