Evocando o universo Beatle

Unha imaxe do grupo británico The Beatles.
photo_camera Unha imaxe do grupo británico The Beatles.

No apartado Música e Crossmedia, o Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá (luns, ás 13,00 horas) a exposición “Ao redor do universo Beatle”. Unha mostra, comisariada polo médico coruñés Chema Rios, que conseguiu reunir unha selección de obxectos de fans particulares. A exposición quere convidar ao visitante a descubrir os Beatles a través do mosaico de recordos dun fan anónimo. A mostra céntrase non tanto nunha visión obxectiva da obra desta banda como nunha perspectiva persoal, apaixonada, por veces íntima; da súa historia.

A cultura de masas -música, cinema, literatura, cómics e outros sectores- tivo na proliferación de redes e xanelas dixitais unha infinidade de posibilidades de converxencia entre distintas linguaxes artísticas. Unha portada dun disco dos Beatles, elevada ao rango de icona, convértese nun novo produto con valor en si mesmo, e este á súa vez inspira o deseño dunha camiseta, un xoguete ou un submarino amarelo creado en cerámica por artistas de Sargadelos.

Pero a cousa non acaba aquí: tal e como explica Henry Jenkins no seu libro Convergence Culture, os fans do grupo continúan este labor creativo expandindo o universo da marca coas súas propias creacións apócrifas: fanzines, vídeos de youtube e todo tipo de meta-creacións, incluídas curtas de animación gravadas dentro de videoxogos. Trátase da eterna inclinación humana por contar historias, darlle sentido a un caleidoscopio de lembranzas persoais ou compartidas ao redor dun fenómeno cultural. Así, o mundo da marca expándese como un cosmos formado por millóns de galaxias e constelacións de clubs de fans e coleccionistas privados, e profundar na obra dun grupo como The Beatles hoxe en día, é iniciar unha viaxe Across the Universe.

Mesa Redonda

Pola tarde proxectarase o documental “The Beatles at the Shea Stadium” (C.C. Marcos Valcárcel, 18,00 horas), unha cinta de algo menos de unha hora de duración que recolle o mítico concerto dos Beatles en Nova York, que foi o primeiro gran concerto realizado nun estadio ao aire libre, que bateu records de público e recadación. A película foi feita con doce cámaras e só quedan delas dúas copias en cine, unha delas gardada en Galicia.

A xornada remata  coa mesa redonda “Ao redor do universo Beatle” (C.C. Marcos Valcárcel, 20,00 horas) coa participación do músico e compositor Nicolas Pastoriza, o locutor de radio e xornalista musical, Xulio Ruiz e polo comisario da exposición Chema Ríos.

Te puede interesar