Hombres G: do cumio da industria discográfica a icona pop española

La banda Hombres G.
photo_camera La banda Hombres G.

Paco Martín, Charlie Sánchez e Paco Trinidad inician o evento cunha mesa redonda sobre a mítica banda

Paco Martín, Charlie Sánchez e Paco Trinidad son nomes claves no descubrimento e na produción de moitos dos éxitos musicais que arrasaron no panorama nacional do pasado século. Os tres serán os encargados de iniciar a oitava edición da Ourense ICC Week, organizada pola Deputación de Ourense, coa mesa redonda “Hombres G: do cumio da industria discográfica a icona pop”, no Centro Cultural Marcos Valcárcel o sábado 23 de abril, ás 12,00 horas.

Os relatores desvelarán como se xestou unha das carreiras máis sólidas dos grupos nacidos nos anos 80 en España: á da banda liderada por David Summers. Hombres G, grupo que marcou unha etapa, foi un punto de inflexión para toda unha xuventude que abrazou entusiasta a súa música para compartir e coa que sentirse identificados. Son tamén un dos máis grandes grupos de fans do pop en castelán,  pero non serían a banda que son hoxe sen a intervención dos tres homes que conversarán no Marcos Valcárcel o vindeiro 23 de abril. 

Paco Martín, Charlie Sánchez e Paco Trinidad, un triunvirato vital para a historia musical do país, tiveron unha mirada cultural e un talento creador que fixeron posíbel a traxectoria profesional da maioría de grupos e solistas con éxitos que aínda soan agora. 

O director artístico Paco Martín é un dos principais artífices do acontecido nos 80. Creou a mítica sala  RockOla, o templo da movida, e dedicou moitas décadas da súa vida a descubrir talentos musicais: Antonio Vega, Pistones, Joaquín Sabina, El Canto del Loco, Los Secretos, Rosendo, etcétera.

Charlie Sánchez, produtor fonográfico, iniciou a súa traxectoria profesional na década dos  80 como teclista do grupo Alphaville. Foi cofundador da compañía independente Discos Radiactivos Organizados (DRO). Ao longo dos anos traballou con artistas como Gabinete Caligari, Fito & Fiti-paldis, Los Rodriguez ou Compay Segundo.

Falar de Paco Trinidad é falar dun dos mellores produtores discográficos do país. Tras formar parte do grupo Ejecutivos Agresivos, autores dun dos éxitos do verán coa súa canción “Mari Pili” , entrou na produción firmando traballos con bandas coma Siniestro Total, Los Ronaldos, Los Enemigos, Los Romeos, Décima Víctima, Derribos Arias ou Los Limones. 

A xornada, que comezará ás 11,30 horas no Marcos Valcárcel coa presentación do libro “Ráfagas”, de Paco Martín, continúa con “Hombres G: do cumio da industria discográfica a icona pop” e rematará á noite co concerto de Hombres G. A cita será ás 21,00 horas, no Paco Paz. 

Te puede interesar