Luís Fernández Guitián, alcalde de Sober: “Recuperamos o formato do evento”

Brinde inaugural da Feira de Amandi.
photo_camera Brinde inaugural da Feira de Amandi.
“Cada ano a Feira é inaugurada por unha adega da zona en recoñecemento á labor dos viticultores e viticultoras”

A Feira do Viño de Amandi é unha multitudinaria celebración de exaltación do viño desta subzona da Denominación de Orixe Ribeira Sacra que, a pesares da pandemia, mantívose no calendario modificando as datas e controlando os aforos. “No 2020 fixerámolo en decembro, na Ponte da Constitución nun recinto pechado, e, no 2021 xa se fixera no lugar habitual, pero no mes de agosto para non perder esta tradición. Pero neste ano volvemos as datas nas que sempre se fixo: na fin de semana do Domingo de Ramos”, comenta o alcalde, Luis Fernández Guitián. Unha mostra de que a normalidade vai sendo unha realidade e, ademais das datas, tamén se recuperan o seu formato orixinal.

Baixo unha carpa iglú instalaranse 23 adegas da subzona de Amandi que ofrecerán os seus viños para que os asistentes degusten a calidade máis que demostrada destes viños e cuxa fama traspasan fronteiras. Paralelamente á carpa do viño, nun segundo recinto os visitantes poderán curiosear e mercar produtos de artesanía como a olería de Gundivós, e de gastronomía como a mel ou a rosca de Sober. 

O arranque dun mes cheo de actividade ao redor do viño deu comezo coa presentación do cartaz oficial. Un concurso que nesta edición gañou unha moza ourensá de tan só 15 anos, Rocío Rodicio, a máis nova en gañalo. “A presentación, ao igual que vimos facendo dende fai unhos anos, tivo lugar nun lugar emblemático de Sober. Nesta ocasión foi na fervenza de Portizó, recén acondicionada. É un xeito tamén de dar a coñecer a riqueza que temos no concello”. A partir de aí levan un mes do máis activos, con un par de actividades por semana que foron dende catas comentadas, a presentacións de libros ou concertos. Todas elas co viño de Amandi como bandeira de fondo. 

Chegada esta fin de semana, a inauguración, que corre sempre a cargo dunha adega, recae nesta ocasión “nos fillos e netos dos propietarios da adega Tear, cuxa matriarca, Manuela Valdés, faleceu recentemente, e que, co seu tamén falecido marido Nilo Vila, foron algún dos loitadores para que o viño de Amandi teña hoxe o recoñecemento que ten”. 

Como é habitual na programación inclúese a cata dos viños da colleita do 2021, de blancos, viños doutras añadas e, como novidade “de rosados. Xa que temos algunas adegas na subzona que xa elaboran este tipo de viño amparado baixo a Denominación de Orixe”. 

Como pregoeiro, nesta edición contan co actor Chechu Salgado, natural da localidade e que vén de recibir un Goya. “Unha honra para nós contar con este mozo que está tendo tantos recoñecementos polo seu traballo como actor. Sempre buscamos que sexa xente da zona, e, nos últimos seis anos foron mulleres as encargadas de ofrecer o pregón”.

Sen dúbida esta Feira é a ocasión perfecta para “achegarse a desfrutar dos nosos viños, a nosa gastronomía e descubrir este recuncho da Ribeira Sacra e toda a zona que a compón en xeral”, finaliza o alcalde.

Te puede interesar