INDUSTRIA

Galicia aposta por atraer empresas a innovar desde a comunidade

O Banco Mundial asegura que Galicia conta coas condicións para captar investimentos e crear novas empresas. De feito, é a terceira comunidade española na que resulta máis doado abrir unha peme industrial.

Nos últimos anos tamén son cada vez máis as firmas que apostan en Galicia polas novas tecnoloxías e por desenvolver proxectos relacionados coa fábrica intelixente, un dos sectores con máis proxección de futuro. Precisamente, para consolidar esta tendencia e facilitar a posta en marcha destas propostas innovadoras, o Goberno galego deseñou un proxecto pioneiro que se adecúa a estes parámetros. 

A Iniciativa Captación de Investimentos 4.0. consiste en atraer a Galicia investimentos de máis de 50 millóns de euros -nos que o apoio público oscila entre o 25 e o 40% do custo do proxecto- e que sexan capaces de xerar retorno económico e carga de traballo para as empresas xa afincadas na comunidade. 

En concreto, está pensado de maneira especial para desenvolver grandes proxectos cun claro compoñente innovador e de futuro. Por exemplo, a intelixencia artificial, o internet das cousas, a impresión 3D, os novos sensores ou o Big Data. As empresas, para que poidan optar a estas axudas autonómicas, deben cumprir dous requisitos básicos: que o produto da innovación se fabrique en Galicia e que, posteriormente, se comercialice desde a comunidade.

Unha vez deseñado e fabricado o produto, para garantir que eses investimentos xeran riqueza no lugar de orixe, o Goberno autonómico esixe o compromiso previo da empresa de realizar a explotación de resultados exclusivamente en Galicia. Este posicionamento tradúcese directamente nun impacto socioeconómico significativo no tecido produtivo procedente do investimento en I+D. Dito de outra maneira, as firmas que se acollan a estas axudas teñen que subcontratar parte do seu traballo aos centros tecnolóxicos galegos.

As empresas interesadas nesta proposta xa poden presentar as súas iniciativas para que as analice a Axencia Galega de Innovación (Gain). Á hora de estudar ditos proxectos, os técnicos autonómicos terán en conta diferentes factores, como a súa idoneidade, o servizo aos intereses estratéxicos da industria, a súa excelencia innovadora e o seu compromiso de contar coa colaboración de centros de coñecemento da comunidade.A consolidación da Industria 4.0 permitirá acadar a longo prazo retornos para Galicia en termos de creación de emprego cualificado, investimentos e dinamización do tecido empresarial. De feito, esta iniciativa pioneira da Xunta supón un incentivo de primeiro nivel para empresas líderes a nivel internacional, que terán que permanecer activas na comunidade galega ata, como mínimo, o ano 2020. Ademais, o programa é clave para a consecución dos dous grandes obxectivos recollidos na Axenda da Competitividade Galicia - Industria 4.0: sumar 50.000 empregos ata 2020 e incrementar o peso da industria sobre o Produto Interior Bruto galego ata o 20%. 

O Goberno galego tamén ten activadas outras medidas para reforzar esta posición a nivel nacional. É o caso das rebaixas no solo industrial, que permitiron vender o ano pasado máis de 500.000 metros cadrados; o Plan de Banda Larga 2020, para introducir ás empresas galegas nunha economía dixital; ou a simplificación administrativa, coa nova Oficina Doing Business, unha canle para suprimir barreiras e impulsar a posta en marcha de proxectos.

Récord histórico de exportacións

A  captación de investimentos estranxeiros é o complemento perfecto a un dos principais motores da economía galega: o mercado exterior. De feito, a comunidade atravesa o seu mellor ciclo exportador, como o demostran os datos históricos do trienio 2013-2015. Segundo os datos do Ministerio de Economía e Competitividade, esta tendencia alcista mantense inalterable neste comezo de 2016. As vendas ao exterior medraron en febreiro un 7,4% con respecto ao mesmo mes do ano anterior. Este dato sitúa a Galicia como a quinta comunidade onde máis aumentan as vendas ao exterior, con 4,7 puntos por riba da media estatal.

Galicia consegue así continuar coa senda positiva dos últimos tres anos. En 2015, a comunidade logrou bater unha vez máis o seu récord de exportacións, superando nun 5,6% os resultados de 2014, o equivale a case 19.000 millóns de euros, e nun 0,4% o mellor rexistro que existía ata entón, o de 2013. Ademais, Galicia foi en 2015 a terceira mellor balanza comercial absoluta en España.
Outro dato de interese é o do número de empresas exportadoras, que na comunidade ascendeu a 6.335, das que máis dun terzo, 2.300, son exportadoras regulares, é dicir, que venderon mercadorías con frecuencia durante os últimos catro anos. O obxectivo final é que, de acordo coa Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, se incrementen as exportacións en máis dun 25% ata finais desta década, convertendo a Galicia nun verdadeiro foco de atracción de investimentos especializado en sectores e mercados concretos.

PROXECTOS CON POTENCIAL
A Xunta de Galicia investirá 7 millóns de euros ata 2020 no programa IGNICIA, un fondo de proba de concepto baseado no éxito da metodoloxía creada e desenvolta pola Fundación Barrié, que permitirá impulsar a posta no mercado do coñecemento xerado polos investigadores galegos. 

Deses 7 millóns de euros, a Xunta investirá este mesmo ano 1.650.000 euros nunha iniciativa que está aberta a achegas por parte doutras entidades públicas e privadas. Esta contía inicial permitirá apoiar a entre seis e dez proxectos, abríndolles unha verdadeira autopista ao mercado con apostas que oscilarán entre os 120.000 e os 200.000 euros.  

Desta maneira, a Xunta contribúe por partida dobre ao incremento da competitividade e do crecemento económico de Galicia: por unha banda, dinamizando a posta en valor dos resultados de investigación xerados en Galicia, e, por outra, obtendo retornos económicos que serán reinvestidos en servizos públicos.  

Esta ferramenta permitirá verificar se unha idea ten opcións reais de ser implementada a nivel industrial para xerar rendibilidade no mercado, aproveitando todo o potencial do coñecemento xerado nas tres universidades, no sistema de saúde a través das fundacións hospitalarias, nos centros do CSIC, no Instituto Español de Oceanografía en Galicia, e nos centros tecnolóxicos galegos. Nace por dúas razóns: en primeiro lugar, pola existencia acreditada dun gran número de proxectos liderados por investigadores galegos con potencial de comercialización e, en segundo, polo éxito da propia Fundación Barrié co seu Fondo de Ciencia. 

Te puede interesar