euro

“É un orgullo ser o primeiro director xeral de Correos no estranxeiro"

Juan Bautista Sanmiguel, a pasada fin de semana en Ourense (XESÚS FARIÑAS).
photo_camera Juan Bautista Sanmiguel, a pasada fin de semana en Ourense (XESÚS FARIÑAS).
O ourensán Juan Bautista Sanmiguel lidera o primeiro proxecto de expansión internacional do grupo Correos en 303 anos de historia. Estréase como director xeral de Correos Express en Portugal

Juan Bautista Sanmiguel lidera o primeiro proxecto de expansión internacional do grupo Correos en 303 anos de historia. Este ourensán, cuxa afección máis importante "son os meus fillos", ten 29 anos de experiencia en Correos Express, a filial adicada ao transporte de paquetería urxente na que comezou, en Ourense, "descargando camións". Estréase como director xeral de Correos Express en Portugal, unha estratexia de internacionalización que ten como seguinte paso Asia. Dende a central de Oporto, Correos Express xestiona 12 delegacións. Hai 170 postos de traballo creados e fanse arredor de 300 rutas de distribución.  A capacidade de procesamento que terán é de 7.000 paquetes por hora no país veciño. En China, 25.000 paquetes por hora. Correos investirá 5,7 millóns de euros nunha nova sociedade, xa constituída, para o mercado asiático. "Hai acordos estratéxicos a tres anos cos xigantes da venta online para impulsar as exportacións", adianta. En China xa teñen funcionando unha planta consolidadora na área de comercio dixital transfronteiriza máis activa do mundo. 

Que supón a entrada de Correos Express en Portugal?

É a primeira operación de expansión internacional que o Grupo Correos fai en 303 anos. É un inicio, hai un paso de internacionalización en Portugal e a partir de aí, máis procesos. Xa temos unha sociedade creada cos socios Kerry Logistics Network Limited e Freight System. E alianzas con Aliexpress e Cainiao Network. A estratexia de Correos é expandirse a nivel mundial, para ter presenza nos mercados, sobre todo no sudeste asiático e en Latinoamérica. O asiático é estratéxico. 

Que supón para as empresas a expansión a mercados como China?

Correos Express quere facilitar ás empresas españolas a posibilidade de comercializar os seus produtos hacia o estranxeiro. Ao mesmo tempo, Correos quere ter presenza na orixe deses envíos hacia España. 

A proximidade de Portugal foi a razón da primeira expansión?

Escolleuse Portugal por unha razón de mercado. Coa globalización non se entende un mercado que non sexa ibérico. Deixa de ter sentido dicir "mercado portugués" ou "español". Queremos dar cobertura a todo o mercado da Península Ibérica. Temos a maior rede de distribución urxente en 24 horas na Península Ibérica, 54 delegacións en España e 12 en Portugal. Isto conseguiuse en Portugal pola adquisición do grupo Rangel, a maior empresa de transporte urxente de Portugal privada. Adquiriuse polo seu posicionamento no mercado, pola sua carteira de clientes e facturación; é o mellor aliado que podíamos ter. Adquiriuse un 51% da sociedade, co cal temos o control.

Non só é a primeira vez que Correos Express se internacionaliza, senón a primeira para o Grupo Correos. Por que se escolleu a filial de paquetería urxente?

Porque a propia demanda das empresas e a do consumidor te levan a expandirte, non a limitarte ao mercado español. O comercio electrónico, nun mercado globalizado, ten que ter presenza nos mercados máis importantes. No caso de Portugal,  é estratéxico ter unha estrutura en toda a Península.

E é estratéxico comezar pola empresa que traballa coa “urxencia". Queremos as cousas xa... 

Entramos na dinámica na que a compra por Internet, a maioría das veces, é por impulso. En Correos Express somos xestores de emocións. O consumidor está expectante por recibir o produto e procuramos que o teña canto antes.

Hai máis envíos a empresas ou a particulares?

Agora mesmo no sector do transporte urxente creo que están perfectamente definidas dúas liñas de negocio: de empresa a empresa (paquete industrial) e comercio electrónico, que se entrega ao consumidor final. Correos Express é líder na Península Ibérica deste sector, somos especialistas na entrega de comercio electrónico e esa é a estratexia que pretendemos implantar en Portugal, queremos ser líderes como en España.

Fala de “valor engadido" como clave do transporte urxente.

Correos Express é unha empresa moi tecnolóxica, temos moitas ferramentas adicadas a conseguir a efectividade nas entregas. A localización inmediata do destinatario cando non está na casa, a predición dunha franxa horaria de entrega de dúas horas... Estamos en constante evolución.

Galicia verase beneficiada pola proximidade con Portugal neste primeiro paso de expansión?

A entrada do grupo Correos en Portugal pode ser moi beneficiosa para as empresas galegas. Unha das cousas que temos é unha tarifa única para a Península Ibérica. Costa o mesmo enviar a Lisboa que a Málaga. Xa funciona.

Que sectores son os principais clientes?

Calquera. O que está en constante crecemento é a venda por Internet. Entre a nosa carteira de clientes hai téxtil, automoción, perfumería, grandes operadores como Amazon, Inditex…O grupo Correos é o maior partner a nivel de distribución para Amazon en España.

Con 29 anos de experiencia en Correos Express... Como evolucionou a “urxencia" do cliente?

Había moita menos urxencia ao principio. Eu empecei desde moi abaixo, descargando camións. Coñezo tódolos procesos de Correos, pasei por tódalas áreas. Cando antes eramos capaces de enlazar o noroeste da Península co sur en 48 horas era fantástico. Agora non se contempla no mercado do Express, ten que ser 24 horas. Pero a diferenza da marca é o valor engadido. Mudou moito o mercado. Antes, o 90% das entregas eran en empresas e agora e ao revés, o 90% en particulares. De feito, en Portugal temos o obxectivo de automatizar as plataformas para poder dar servicio.

Chegarase a recortar máis esa necesidade das 24 horas?

De feito as 24 son límite. Mercancías que recolles ás 10 da noite están entregadas á mañá seguinte.

Cal é a expectativa de envíos con Portugal?

Temos expectativas de chegar a un movemento de 35 millóns de paquetes ao ano no fluxo Portugal-España, España-Portugal, e unha facturación anual de 60 millóns de euros.  Nun prazo de cinco anos.

Canto factura Correos Express en España?

Ronda os 300.000 millóns de euros ao ano. 

A expansión comezou en maio. Cal é o seguinte paso?

En outubro estarán montados dous clasificadores en Oporto e Lisboa , que son os que darán a capacidade de 7.000 paquetes/hora e toda a frota de distribución traballará con PDA. Actualmente son 170 traballadores e hai unhas 300 rutas de distribución e arrastre. A final de ano estaremos totalmente aliñados con España, xa practicamente estamos. Xa saíu a web de Correos Portugal hai unhas semanas e estamos moi contentos.

E un ourensán dirixe este proceso. Como se sinte?

Estou especialmente orgulloso de ser o primeiro director xeral da primera empresa de Correos no estranxeiro. Eu empecei descargando camións. 

Te puede interesar