O BNG solicita ao Concello de Teo enviar o grupo de non adscritos a Martiño Noriega e outros seis concelleiros

Un dos edís foi incluído malia seguir militando no BNG e posteriormente dérono de baixa da organización
O BNG, a través de Francisco Jorquera como representante xeral da organización, remitiu unha carta ao Concello de Teo para solicitar que o alcalde, Martiño Noriega, e outros seis concelleiros pasen a formar parte do grupo de non adscritos. Ademais, dáse a circunstancia de que un de eles, Xurxo Francos Liñares, aínda militaba na organización cando foi comunicada esta solicitude e foi con posterioridade ao escrito remitido á Casa do concello, cando foi dado de baixa.

Segundo as fontes consultadas por Europa Press, o escrito foi enviado na mañá deste xoves, xusto ao cumprirse a semana de prazo dado polo BNG, a través dunha carta enviada pola secretaria de Organización, Monsterrat Prado, aos edís de Teo que comunicaran a súa baixa no BNG para que deixasen as súas actas de concelleiros co fin de que outros membros da candidatura ocupasen eses postos.

No escrito asinado por Francisco Jorquera, ao que tivo acceso Europa Press, se 'fai constar expresamente que se manteñen neste momento como integrantes do grupo municipal do BNG en Teo' os concelleiros Manuel Anxo Fernández Baz (da UPG) e Carmen Diéguez González (de Máis Galiza), en calidade de 'voceiro e voceiro suplente, respectivamente'.

Así mesmo, solicita que, polo tanto, e de acordo coa lexislación en materia de réxime local e electoral, pasen a considerar 'concelleiros non adscritos' sete edís, entre eles, a Martiño Noriega Sánchez, alcalde da localidade que se fixo coa maioría absoluta nas pasadas eleccións municipais tras gobernar en minoría no anterior mandato.

Así mesmo, pídese esta mesma consideración para os edís Carme Hermida, Anxo Manuel Rey Martínez, Mari Carmen Álvarez Garea, Xurxo Francos Liñares e Xosé Ignacio Iglesias Villar, 'adoptando os acordos precisos para adecuar a organización, os dereitos políticos e económicos na corporación municipal'.

COMUNICACIÓN DA BAIXA

Segundo as fontes consultadas por Europa Press, un dos edís, Xurxo Francos, foi incluído na lista para ser considerado como non adscrito malia seguir militando no BNG. De feito, este concelleiro defendeu no seu día a súa continuidade na organización nacionalista vinculándoa a que a dirección do Bloque permitise a 'unidade de acción' no Concello de Teo.

Esta mesma postura foi a que trasladou na asemblea local celebrada recentemente en Teo, e na que Andrés Fernández foi elixido como novo responsable do BNG neste municipio da bisbarra de Santiago.

Precisamente, as súas manifestacións na asemblea local, nas que apostou por manter a 'unidade de acción' no concello -onde o BNG goberna por primeira vez con maioría absoluta- e nas que vinculou a súa permanencia na organización a esa acción conxunta foron as que levaron ao Bloque a comunicalo que causaba baixa na organización.

Segundo as mesmas fontes, esta baixa foi comunicada despois de que a carta de Francisco Jorquera fose enviada ao concello, na que o incluía no listado de non adscritos malia ser aínda militante do BNG.

O responsable comarcal do BNG en Santiago, Ignacio Louzao, explicou, en declaracións a Europa Press, que foi o propio Xurxo Francos o que 'na asemblea dixo que non continuaba' se non se producía a unidade de acción 'e condicionaba a que puidese seguir o goberno' en Teo. 'Comunicóuselle que non seguía no BNG, non é ningunha expulsión porque el mesmo o dixo', confirmou.

'INTENTAN EXEMPLIFICAR'

Pola súa banda, en declaracións a Europa Press, o alcalde de Teo, Martiño Noriega, lamentou a 'falta de vontade dos órganos de dirección do BNG' para levar a cabo unha unidade de acción, que 'se demostrou que era factible' no último pleno, a pasada semana.

'Están a empregar o caso de Teo para intentar exemplificar', reprobou Noriega, quen advertiu de que 'o que están a facer' non é sobre un caso illado, senón que 'afecta a moitas institucións e ao conxunto do que era o BNG'.

Ademais, considerou 'paradigmático' o feito de que 'expulsen' un militante que 'decide manterse no BNG'. A xuízo de Martiño Noriega, 'non deixan marxe á discrepancia' e están a actuar 'manu militari'.

Te puede interesar