CIG considera un 'ataque frontal' as medidas do Ministerio de Educación

A central sindical CIG-Ensino esixiu que non se apliquen as medidas anunciadas polo Ministerio de Educación de incrementar un 20% o máximo de alumnos por clase na escolaridade obrigatoria e fixar a carga lectiva do profesorado nun mínimo semanal de 25 horas en infantil e primaria e de 20 no resto do ensino non universitario.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, afirmou a súa intención de 'esixirlle' á Consellaría de Educación que non aplique esas medidas porque 'supón o ataque máis grave á educación pública desde o franquismo' e implican 'botar ao paro miles de interinos'.

Louzao sinalou, nun comunicado, que o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, 'foi pioneiro nos recortes na educación pública, mediante a ampliación do horario lectivo do profesorado, o incremento de días de baixa do profesorado sen ser cuberto mediante substitución e outras medidas que levaron a que os centros galegos estean sufrindo hoxe carencias' tanto de persoal docente como de profesorado medio.

'Non perdamos de vista que nestes últimos anos se suprimiron máis de 2000 docentes e que con estas medidas se verían incrementados noutros tantos', asegurou.

Segundo o representante da CIG-Ensino: 'estas mediadas son un ataque aos piares da calidade do ensino'.

Louzao indicou que as medidas propostas polo Ministerio de Educación atentan contra algúns dos elementos esenciais para lograr unha educación de calidade, e engade que 'supoñen unha invasión absoluta das competencias que a Galicia lle corresponden'.

Te puede interesar