SANTIAGO

O alcalde de Santiago nega presións para que dimita e afirma que a quen chama para o seu goberno responde cun si

Reyes Leis móstralle o seu apoio, non comparte que teña que marchar e di que exconcelleiros "non pediron" que deixase o cargo

O alcalde de Santiago, Ángel Currás, negou presións para que presente a súa dimisión -está imputado na 'Operación Pokémon' e a raíz dunha denuncia dun policía local-, despois de que saian do goberno local nove edís - sete por estar condenado por prevaricación, Adrián Varela e Rebeca Domínguez-.

Precisamente, sobre a recomposición do executivo municipal, e en declaracións aos medios no Concello, Currás asegurou que está a ter éxito nas chamadas. "Todas as respostas que tiven foron positivas, debo dicilo así de claro. Non estou a falar nin de dous, nin de tres, nin de catro", abundou.

Preguntado por se sente o apoio do PP ante posibles presións para que marche, Currás respondeu: "Mire..., por favor, non vou contestar a esa pregunta. E as presións xa se verán onde están".

Ao respecto, ao ser interpelado por que as presións proceden dos que foron os seus colaboradores, o rexedor asegurou que "non foi" o que eles le "dixeron" nin le "trasladaron", mesmo nesta mesma xornada. "Non podo asumir iso", rexeitou.

En canto a se se reunirá co presidente da Xunta, e do partido, Alberto Núñez Feijóo, tras titubear cun "é probable que", finalmente dixo que "non" e que "non hai nada confirmado neste momento", se ben aclarou que o mandatario autonómico "está informado puntualmente de todo".

Este mércores coincidiron nun acto, pero o rexedor indicou que unicamente falaron das relacións con Xapón - país do que recén chegaba o presidente autonómico -, porque non era "nin o momento nin o día" para abordar a cuestión de Santiago.

APOIO PÚBLICO DE REIS LEIS

Publicamente conta co apoio da súa máis estreita colaboradora no Concello e número dous, Reyes Leis, a única concelleira que leva dende o inicio na corporación que non foi salpicada por ningún caso de investigación sobre corrupción.

Así, a preguntas dos xornalistas en rolda de prensa, o tenente de alcalde avalou o rexedor compostelano e destacou que "está a facer o que ten que facer", que é "sacar este goberno" adiante e "dar as instrucións" para seguir "funcionando igual de ben" e continuar os proxectos.

Reyes Leis tampouco sente que lles estean a deixar "solos" por parte dos dirixentes do partido no labor de recompoñer a situación no Concello de Santiago a menos de un ano para as eleccións municipais.

"Non, para nada. O alcalde ten contacto permanente con Feijóo, Rueda e outros líderes provinciais, como é lóxico", afirmou Reyes Leis, quen indicou que non comparte que teña que dimitir o alcalde e quen dixo que "non se pediu" por parte dos exconcelleiros.

Por outro lado, o alcalde referiuse á petición de que dimita feita pola xunta de persoal para sinalar que "sempre" estivo aberto a "falar con eles" con "diálogo fluído", pero "cando os sindicatos, e especialmente un, pide que se faga unha recepción por Santa Rita e logo boicotea, ¿que quere que lle diga?", expuxo.

REMODELACIÓN DO GOBERNO

O rexedor compostelano traballa coa idea de que este venres xa poida dar a coñecer a totalidade dos nomes que integrarán o novo equipo, aínda que incidiu en que "cando o teña pechado definitivamente, se comunicará".

Entre os nomes que se barallan, aínda que o rexedor non quixo confirmar nomes ata que o equipo se complete, El Correo Gallego publicou ocuparían concellarías da capital galega Néstor Valcárcel, María Baleato, Jorge Padilla, Irene Garrido e Maite Cancelo. A eles hai que sumar o que foi edil en A Coruña Raúl García de Loza, que xa confirmou que será responsable de Deportes.

Currás indicou que non teme por quedar en minoría no próximo pleno municipal -a final de mes-, opinión que compartiu a súa compañeira de goberno, Reyes Leis, quen indicou que a xunta electoral resolve sobre as actas en non máis de 15 días.

En todo caso, ironizou con que está "seguro" de que a oposición "votará co goberno" e non haberá "ningún problema". "Estou seguro de que co espírito de colaboración que se está a ver da oposición, apoiará as propostas", agregou.

QUEIXAS DA OPOSICIÓN

Fronte ás queixas da oposición por falta de información, Currás defendeu que se dará "oportunamente". "Pero dende logo, nin o señor (Rubén) Cela (BNG) nin o señor (Francisco) Reyes (PSOE), despois da política de acoso e derrubamento, están para marcar prazos ao alcalde nin ao goberno", advertiu, antes de asegurar que o seu teléfono "sempre está aberto".

Deste modo, manifestou que "se queren unha foto, iso é unha decisión diferente", pero "eles saben cál é o meu teléfono e poden estar informados en tempo real de calquera problema", apostilou.

Sobre a renuncia á militancia dalgúns dos edís que dimitiron por prevaricación, Currás dubidou de se se trata unha cuestión derivada dos estatutos e indicou que prefería "non opinar".

Te puede interesar