Dous feridos na explosión dun tanque de gasolina nas Pías (Ferrol)

Polo menos dúas persoas resultaron feridas hoxe na explosión dun tanque de gasolina na estación de servizo das Pías, situada no extremo norte da ponte que cruza a ría ferrolá entre os municipios de Ferrol e Fene.
Segundo confirmaron á Efe fontes do parque de bombeiros de Ferrol, a explosión rexistrouse uns minutos antes da unha do mediodía e afectou, polo menos, a dúas persoas que serían un dos empregados da estación e o operario dunha empresa que traballan na limpeza dun dos tanques de gasolina, en que realizaba distintas probas.

A explosión ergueu unha columna de lume que quedou controlada en poucos minutos para evitar que afectase aos outros depósitos do gasóleo.

Os feridos foron trasladados ao hospital, onde permanecen para avaliar o alcance das súas feridas.

Polo momento, non hai datos concretos sobre o seu estado, mais segundo indicaron os bombeiros, un deles, o máis grave, presentaba distintas queimaduras, mentres que o empregado da estación de servizo tería feridas de carácter leve.

A Policía Local cortou un dos dous carrís da vía en dirección a Fene para asegurar o perímetro da gasolineira, mentres os bombeiros traballan para asegurar os tanques e restabelecer a normalidade.

A pesar do amplo dispositivo de policía e bombeiros que se despregou na zona, fontes policiais aseguran que en poucos minutos, o tránsito quedará restabelecido.

Te puede interesar