Expertos buscan homoxeneizar a abordaxe do cancro de tiroide en España

Expertos en Endocrinoloxía e Nutrición, reunidos en Santiago de Compostela, tratan de consensuar protocolos de actuación para abordar o cancro de tiroide.
Aínda que o protocolo que se segue hoxe en día en España é o mellor posible, detectouse que a práctica clínica non é homoxénea, segundo se puxo de manifesto hoxe neste foro médico organizado polo Grupo de Cancro de Tiroide da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición (SEEN).

O cancro diferenciado de tiroide é o de tipo endocrinolóxico máis frecuente e, porén, é raro en comparación con outros tipos de cancros, informaron hoxe os organizadores nun comunicado.

En xeral, a idade media do diagnóstico sitúase entre os 40 e os 53 anos, e é especialmente frecuente entre as mulleres de raza branca.

No referente á incidencia desta enfermidade, un estudo epidemiolóxico de 2009 realizado polo Hospital Universitario de Vigo demostra que posúe unha baixa aínda que crecente incidencia no noroeste español.

No referente a Galicia, naquelas áreas onde se rexistra un baixo consumo de iodo predominan os cancros de tiroide foliculares, que adoitan ser especialmente agresivos.

Ademais, demostrouse que as radiacións ionizantes constitúen o factor activador máis recoñecido da enfermidade, aínda que tamén está demostrado que as poboacións próximas a zonas volcánicas presentan unha prevalencia dez veces maior ca a doutras áreas, indícase no comunicado.

Te puede interesar