Pontón avanza unha ofensiva política do BNG contra o cobro nas autovías

photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

A formación nacionalista traballará no Parlamento, no Congreso e nos concellos contra "unha medida antisocial e discriminatoria"

 

A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou unha ofensiva política do BNG no Parlamento, no Congreso e nos concellos contra a medida do Goberno do Estado de cobrar peaxes por circular polas autovías, unha medida que tacha de "antisocial, discriminatoria, que só busca facer caixa" e que prexudica especialmente a Galicia "pola súa condición periférica". “O anuncio está xerando unha gran preocupación e oposición social, tanto entre a cidadanía do común, que ve con escándalo un novo sablazo a unhas economías familiares moi debilitadas, como entre as empresas, porque a medida afectaría de cheo a súa competitividade en particular das que dependen das autovías para exportar os seus produtos”, salientou Pontón.

O Bloque traslada a súa total oposición a unha medida “que só ten afán recadador e que ten como único beneficiario ás multinacionais da construción”, denunciou, de aí a ofensiva política que empezará cunha proposición non de lei no próximo Pleno da Cámara “para conseguir unha declaración unánime de Galiza ante esta medida”, que seguirá con mocións nos concellos para trasladar o debate ao conxunto do País, e no Congreso, con iniciativas para que o Goberno central retire esta medida.

Para a líder do BNG, a proposta é especialmente negativa para Galicia por tres circunstancias: a condición periférica, o menor nivel de renda da cidadanía e por un infra-desenvolvemento das redes públicas de transporte.

O Goberno do Estado ten unha débeda histórica con Galiza en infraestruturas”, subliñou Pontón, ao que se suma o lastre de soportar peaxes elevadísimas en vías estratéxicas como a AP9, mentres outras Autonomías contaban con autovías gratuítas que lles daba vantaxe para avanzar no seu desenvolvemento. “Polo tanto, o que debe facer o Executivo de Sánchez é aplicar dunha vez por todas as rebaixas das peaxes da AP9 negociadas co BNG en lugar de idear novas formas de penalizar a maioría social”.

Te puede interesar