PSdeG insta a Feijóo a 'defender' aos galegos recorrendo o decreto que impón un copagamento farmacéutico a pensionistas

O PP valora que o Goberno 'facilite instrumentos' para xestionar 'sen xerar déficit', ao revés do que facía Zapatero
O voceiro parlamentario do PSdeG, Abel Losada, requiriu este xoves ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que 'defenda os cidadáns' e, especialmente, 'ao elo máis débil do tecido social' recorrendo o decreto estatal que impón un copagamento farmacéutico aos pensionistas e que entra en vigor o próximo domingo.

En rolda de prensa, o dirixente socialista asegurou que esta medida 'non ten ningún fundamento económico', toda vez que supón 'un aforro absolutamente ridículo en termos da débeda do país'. 'Non ten ningún fundamento que vaia máis alá da ideoloxía privatizadora da dereita', afondou.

Tras recordar que Galicia é a comunidade autónoma 'máis envellecida' do Estado e que os seus pensionistas perciben as nóminas 'máis baixas', considerou xustificada a súa petición de que se debata a petición do seu grupo de que a Cámara interpoña un recurso de inconstitucionalidade contra os decretos estatais de recortes en educación e sanidade.

Deberíanse debater, segundo a proposta rexistrada este mesmo xoves, nun pleno extraordinario que solicitarán os socialistas á Deputación permanente. Na mesma sesión, reclamaron a comparecencia de Feijóo para abordar a situación económica da comunidade e as medidas que se tomarán para garantir a permanencia de Novagalicia Banco nesta comunidade.

Xunto coa petición de recurso, Losada detallou que o seu grupo pretende introducir dúas iniciativas lexislativas populares -sobre a continuidade do programa preescolar na casa e sobre a defensa e a promoción da sanidade pública- e a reforma do Regulamento do Parlamento para garantir o voto dos deputados de baixa por 'maternidade, paternidade ou enfermidade'.


RESPOSTA DO PP

Preguntado nunha rolda de prensa posterior o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, sobre a petición de recurso dos socialistas, declinou pronunciarse sobre a constitucionalidade dos recursos ata coñecer os argumentos que se esgrimen en contra.

En todo caso, sobre 'o fondo da cuestión', mostrou a súa 'discrepancia' co PSdeG, toda vez que o actual Goberno central está a 'facilitar instrumentos ás comunidades' para poder xestionar as súas competencias sen xerar déficit ou débedas que non se poden pagar'.

É 'o contrario' do que facía o anterior Executivo, que -criticou- 'habitualmente aprobaba normas que implicaban que as comunidades tiñan que gastar máis'.

'É unha práctica moi mala e non excesivamente autonomista, xa que crea problemas ás comunidades dos que poden mesmo se derivar cuestionamientos do funcionamento do estado das autonomías', sentenciou Puy Fraga.

REFORMA DA LEI DO CHAN
Por outra banda, o voceiro do PSdeG no Pazo do Hórreo avanzou que pedirá á Deputación Permanente a constitución e posta en marcha da comisión non permanente para a elaboración dunha nova Lei do Chan de Galicia, algo que xa obtivo o visto bo de todas as forzas con representación parlamentaria.

Argumentou a 'urxencia' na petición ante 'un discurso pretendidamente facilitador' dos trámites administrativos, que, ao seu xuízo, é 'desregulador que diminúe as garantías administrativas e de control sobre o urbanismo e a ordenación do territorio'.

De feito, mostrou a súa intención de que a nova lei elimine 'comportamentos arbitrarios' da Xunta en relación con 'presuntos delitos urbanísticos', comparando así a sanción ao alcalde de A Garda, José Manuel Domínguez Freitas, por non executar o derrubamento de 11 chalés en chan non urbanizable protexido e a condonación da débeda ao deputado do PP Telmo Martín, malia que a súa construtora invadiu o dominio público marítimo-terrestre cun edificio no paseo marítimo de Silgar, en Sanxenxo (Pontevedra).

Te puede interesar