UU.AA informa a Xunta das zonas máis afectadas por ataques de xabarís

O sindicato Unións Agrarias (UU.AA) elaborou unha relación dos polígonos e parcelas da comarca da Terra Cha, unha das de maior produción láctea de Galicia, onde se están rexistrando de forma recorrente ataques dos xabarís aos cultivos de millo forraxeiro, con importantes perdas para as explotacións lácteas da zona.
Segundo informou o propio sindicato, nesa relación, confeccionada por parroquias, detállanse os ataques de mandas de xabarís aos cultivos de millo en municipios como Cospeito, Castro de Rei, Guitiriz ou Vilalba, que figuran entre os máis afectados, polo menos por agora, polas poboacións desta especie na provincia de Lugo.

UU.AA fixo chegar esta relación ao Servizo Provincial de Caza, que depende da Consellería de Medio Ambiente, acompañada dun escrito en que insta a Xunta de Galicia a iniciar de forma inmediata 'un diálogo cos tecores das zonas afectadas' para que 'incrementen inmediatamente o esforzo de caza nas zonas agrarias'.

Ao seu xuízo, as batidas durante este mes poden ter un efecto preventivo, especialmente se se concentran nas zonas agrarias cultivadas, porque poderían manter afastadas as mandas de xabarís 'durante as catro semanas que restan de campaña'.

Aínda que a tempada de caza desta especie comezou no pasado 17 de agosto, o sindicato advirte de que, polo menos de momento, o número de batidas solicitadas é bastante 'escaso'.

Te puede interesar