Vázquez Abad avanza que pecharán 12 escolas unitarias este ano por ter menos de cinco alumnos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, avanzou este mércores que o próximo curso se iniciará cun total de 12 escolas unitarias menos en Galicia, debido a que non lograron o mínimo de cinco alumnos.
Díxoo, ante o pleno da Cámara, ao ser preguntado pola deputada do BNG Carme Adán sobre as medidas de agrupamento de alumnos e polos 'recortes' que acompañan 'cada fin de curso' dende a súa chegada ao cargo.

Despois de que a nacionalista denunciase o peche dunhas 145 unidades, que afectaría a preto de 200 docentes, o conselleiro censurou que 'lle encanta facer demagoxia' e negou estas cifras, alegando que aínda son 'provisionais' os datos.

'Utilizan os datos que lles dá a CIG para confundir á sociedade', reprobou, pero deu por feito que 'a sociedade saberá que o Goberno di a verdade' cando 'vexan' os centros que se manteñen.

Dito isto, o conselleiro asegurou que as medidas estatais de recorte na educación terán 'un efecto mínimo' en Galicia e, como proba, sinalou que as taxas universitarias se 'conxelan', que 'non aumenta' a ratio de alumnos por aula e que non se suprime a dobre vía no bacharelato.

'ESFORZO' ANTE A CRISE
'Estamos a facer un grande esforzo, malia a situación actual', reivindicou, antes de asegurar que o actual Goberno galego pecha anualmente menos escolas unitarias que o bipartito.

Todo iso, ao entender de Vázquez Abad, porque 'nunca houbo un goberno tan comprometido' coa realidade social de Galicia'.

Te puede interesar