RABO DE NUBE

Paz Padilla e Kierkeegard

A humorista comparte o traballo persoal de aceptación realizado para acompañar o seu marido nos seus últimos días

Chamoume a atención ver semana tras semana, entre dos máis vendidos, un libro de Paz Padilla. Si, esa dona “chistosa”, presentadora dun programa lixo, dos que definen a Tele 5 como unha das cadeas televisivas máis tóxicas dun país, o noso, onde os índices de lectura son tan baixos que abraia que sexan os espectadores de programas ínfimos cal “Sálvame” os que leven a Paz Padilla aos altares das librerías. Por esa razón, outros colaboradores desta ou similares entroidadas teñen ceibado libros que nin están nin se lles agarda, quixen ler, lin, o libro da Padilla. 

Un volume con “ínsulas” (escoitei este achádego en Madrid, por “ínfulas”) nos que, en determinada altura, a autora (sóa ou na compaña de “negros”, perdón, “ghost-writers”) cita a ¡Sören Kierkeegard! ¡Manda chover na Habana! Isto de parte dunha dona, muller, mais tamén propietaria, para o caso, dun discurso de viúva consoladora de outras, ¡ai, os manuais de autoaxuda!, poisque a “humorista” de marras, como saben os seus seguidores, padecera non hai moito a morte do seu esposo. Isto é o cerne do libro, como sobrelevar con “humor”, a ausencia do “ser querido” (que din os refitoleros; isto e o “nuestros mayores”, tan pronunciado durante a pandemia por Pedro Sánchez, é algo que non aturo), é a idea central do tratado padilliano. Que nunca saberemos quen o escribira en verdade; a dama agradece a un seu curmán a axuda prestada na súa feitura. 

E fáganme caso, esquezan o libro de Padilla"

Sexa de quen sexa a pluma o certo é que Padilla encaramouse, semana, si, semana, tamén, ao plinto lector dun país que non le, mais que ten unha editora de autoedición que presume de ter no seu catálogo máis de doce mil autores. Paz Padilla, non, que publica nunha editora “comme il faut”. Unha que, se cadra, igual ten no catálogo obras do filósofo danés. Non sei. Así e todo, fáganme caso, esquezan o libro de Padilla, fervenza de despropósitos, sen graza ningunha e un concepto do amor, previsible. Non fagan o pimpín como fixen eu. Lean, por exemplo, “Diario de un seductor”, de Don Sören, procurador do sentimento namorado. Verbo de Tele 5, en fin, xa saben o de Woody Allen: ”A televisión é cultura. Cada vez que a prendo apetéceme axiña apagala e botar man dun libro”. Non o de Padilla, por favor.

NOME EL HUMOR DE MI VIDA | EDITORIAL EL HUMOR DE MI VIDA | AUTOR PAZ PADILLA  | PRECIO 19,50 

Te puede interesar