LA REVISTA

Trátase de Siro

20180215183243567_result

Trátase dunha obra voluminosa que ha de servir para sentar ben as bases sobre a producción dispar e diferente, dun home, Siro López, que encetara a súa boroa artística como caricaturista na empresa nacional Bazán

No país das cápsulas e os compartimentos estancos, o que non dá para máis dunha idea (que dixera Camilo José Cela, en día ocorrente), Siro, Siro López Lorenzo, ferrolán do Esteiro (aquel barrio de obreiros da Constructora Naval, pero tamén de putiñas ou churrianas), pasa por ser un debuxante de viñetas cómicas, se cadra tamén de caricaturas, ou –en todo caso- un humorista “full time”. O que non soamente é concepto errado mais, tamén,  inxustiza.
Porque Siro, do que vén de publicar a Deputación de A Coruña, un compendio sabedor dunha grande parte da súa obra, é moito máis.

Trátase dun volume voluminoso que ha servir para sentar ben as bases sobre a producción dispar, e diferente, dun home que encetara a súa boroa artística, iso si, como caricaturista na Empresa Nacional Bazán, onde exercía como deliñante na sección, fermósisimo nome, de gálibos. Mais logo dun  período de iniciación, de aprendizaxe nun tempo no que todo eran atrancos, e os autodidactas tiñan que procurar pola súa conta un pan nada doado de rillar. Así e todo Siro, don da teimosidade, saeu adiante chantando os seus “monos” en xornais e revistas do país, antes de abrirse camiño como debuxante “full time” e pintor.

E este libro non me deixará mentir sobre as posibilidades de quen practica o retrato realista, dota de maneiras –humaniza, pois- a paisaxe ou desenrola caricaturas cubistas (algunha de Valle-Inclán, por exemplo) por máis que o termo non termine de lle prestar a Siro. Ou tal deduzo da entrevista, longa, que lle fai Pedro Taboada, para abrir o libro e –de paso- abrirnos a boca como pasmóns ou paspáns admirados diante da potencia artística deste home polivalente, versátil, tan Esponxa como Bob (Dylan). Que se nutre de Picasso, un supoñer, no debuxo, ou de Castelao, no concepto.

Unha oportunidade boa, a que o volume oferece, para coñecer mellor a un artista grande, comprometido co seu tempo e seu país, mais sen desleixar unha estética de sete estalos. Que “nulla estética sine ética” mais –tamén- ao revés. E, por favor, deixémonos de lacazanerías para quen, como Siro, abeira moitas ideas. E moitísimas realidades. Tanto se trate de debuxar espidos, ou figuracións definitivamente eróticas, como autorretratos.

Te puede interesar