ENTREVISTA

Adrián Salgueiro: "A fotografía é un reflexo das miñas inquietudes"

Adrián Salgueiro entrevista verín
photo_camera Adrián González Salgueiro. (Foto: cedida).
Actualmente, expón o seu traballo "Meridiano" na Galería de Arte Solaina en Lugo

Adrián González Salgueiro, con tan só 22 anos, e natural de Verín, acaba de presentar o seu proxecto fotográfico "Meridiano" na Galería de Arte Solaina en Lugo, que compartirá espazo con outros artistas ata o 16 de xuño.

Adrián Salgueiro estuda Historia da Arte na Univesidade de Santiago de Compostela, algo que compaxina co seu traballo fotográfico, a súa gran paixón.

meridiano entrevista adri salgueiro verín

Que é Meridiano?

O meu proxecto fotográfico experimental busca representar unha división imaxinaria existente entre o plano físico e terreal e o plano espiritual e simbólico, sendo a auga un límite entre ambos. Platón afirmaba que a auga era o elemento con maior número de lados porque flúe coma se estivese feita de esferas diminutas, sendo así, o meridiano. 

O emprego dun branco e negro de altos contrastes e os xogos de luces buscan potenciar o simbolismo e dotar de abstracción ós escenarios, coa fin de transportar ao espectador a novos espazos que rompan a barreira entre a natureza e a imaxinación. É unha representación onírica da esencia demiúrxica, que introduce conceptos como a aura ou a revitalización a través do surrealismo e a súa representación nunha dimensión metafísica e alegórica.

Este traballo forma parte dunha exposición activa na Galería de Arte Solaina en Lugo. Que supón isto para vostede?

A exposición chámase "Cravo ao Peito", e para min é unha oportunidade de amosar dende un ámbito máis profesional o meu traballo fotográfico e de introducirme máis no mundo do mercado da arte coma artista propiamente dito.

Ademais, a pasada semana chegoulle a nova de que foi seleccionado nunha exposición internacional en Roma para verán. Como recibiu a noticia?

 A verdade é que moi ilusionado, poder ter presenza nunha exposición internacional é unha oportunidade xenial e moi gratificante. Síntome afortunado e agradecido.

Participo coa obra Transit, que busca representar o reflexo do temor ao paso do tempo a través da xestualidade do ser humano, un dos meus primeiros traballos e ao que lle gardo moito cariño.

En que outros lugares espuxo os seus traballos?

Meridiano estivo presente en plataformas dixitais como PupilSphere, distribuíuse a través dun photozine autoeditado e proximamente sairá en máis medios. Outros traballos, como algunhas fotografías de retrato chegaron á Real Sociedade Fotográfica de Zaragoza, o meu traballo sobre a imaxe e o movemento na rúa (O Son Na Rúa) atopou un espazo na nova edición do libro da Bruxelles Art Vue e tamén tiven a oportunidade de amosar as miñas fotos en revistas coma MobJournal.

E respecto aos concursos, en cales foi seleccionado e que relevancia teñen para vostede?

Fun seleccionado no Premio de Retrato Carmelo Tartón no 2019 e no Concurs do Trofeu Jaume Vila de L'ajuntament de Premià de Dalt 2020 organizado por DigiPhoto. Persoalmente, malia que estes recoñecementos verdadeiramente che reportan unha satisfacción, non me deixo levar neste sentido. O meu traballo non se centra en gañar cousas, non concibo a arte coma unha carreira, non é unha competición, malia que certa e desgraciadamente neste mundo acadar recoñecementos é necesario para poder facerte un oco.

Compaxina os seus estudos de Historia da Arte con esa facetar artística centrada na fotografía. En que momento se decata desa paixón pola fotografía?

Penso que o meu primeiro contacto coa fotografía foi cando era neno, a través das cámaras de usar e tirar que miña nai me mercaba para ir de excursión co colexio ou para usar no verán durante as vacacións. Para min era algo máis ca un pequeno xoguete, recordo que me volvía tolo facendo fotos e desexando revelalas para ver que saía. Ademais, na miña casa sempre houbo bastantes cámaras analóxicas e de vídeo que me xeraban unha gran curiosidade. Coa revolución dixital e o boom dos móviles con cámara sempre tiven a man un instrumento co que seguir alimentando o meu interese pola imaxe, de feito recordo que o único que lle pedía a meus pais se me compraban un teléfono era que poidese facer fotos con el. Creo que sempre estiven ligado dun xeito ou doutro a un interese por capturar o que me rodea e que tiven a oportunidade de desarrollar esta cualidade dende cativo, a cal progresivamente foi evolucionando ata unha intencionalidade máis artística que é a actual.

Pensa que dende Verín, un sitio pequeno, se poden facer cousas grandes?

Penso que si. É innegable o feito de que o mundo actualmente está profundamente ligado a unha interconexión a través de internet, e hoxe máis que nunca o lugar no que vivas non é un factor condicionante para intentar aproveitar certas oportunidades, a pesar de que éstas vaian depender tamén da sorte. Hai que xogar, a vida tamén é azar.

E para rematar, que é para vostede a fotografía, como a definiría?

É unha pregunta difícil, diría que para min a fotografía é un reflexo das miñas inquietudes. Funciona coma unha linguaxe e un medio para comunicar asertivamente unha idea, no meu caso tamén é un refuxio fronte ao real. Como di Susan Sontag, non se pode posuír a realidade, porque é incontrolable. Pero si podemos posuír - e ser posuídos- por imaxes.

Te puede interesar