ENTREVISTA

Francisco Singul: "O viño e o Camiño son ao meu parecer, unha maridaxe perfecta"

OURENSE (IES AS LAGOAS). 22/10/2019. OURENSE. Francisco Singul Lorenzo en una conferencia sobre el camiño de Santiago para los alumnos de 4º ESO del IES As Lagoas. FOTO: ÓSCAR PINAL
photo_camera El historiador Francisco Singul. (Foto: Óscar Pinal).
Francisco Singul é o comisario da exposición "O viño nos Camiños de Santiago"

Francisco Singul quere asentar a idea de que o viño e o Camiño de Santiago son factores moi determinantes da nosa cultura. Por iso, este doutor en Historia da Arte deu forma a “O viño nos Camiños de Santiago”, unha exposición que viaxa ao Museo de Verín para dar a coñecer a historia destes dous elementos, no que o territorio de Monterrei xoga un papel importante, coa mistura dos viños da Denominación de Orixe e a Vía da Prata.

 

Que é “O viño nos Camiños de Santiago”? 

Fala sobre a presenza dun elemento tan importante na gastronomía como é o viño e na historia da peregrinación a Santiago, e fala moi especialmente de Galicia dende os romanos, o desenvolvemento na Idade Media. Elementos que falan da cultura do viño e toda a súa historia e importancia, unha exposición que amosa as DO que coinciden cos Camiños, como Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra.

Cal é o papel de Monterrei na exposición?

É unha das denominacións de orixe galegas en relación con estas vías de peregrinación. Monterrei destaca pola encrucillada con Portugal, a Verín viña xente do norte do país veciño e peregrinos de todo o  sur de España, o viño sempre ten un papel moi importante, era parte fundamental da dieta alimentaria do noso país e tamén en Portugal, no era un produto das élites, era un produto popular.

 

Entón, pode dicirse que cambiou a cultura do viño no tempo.

Hai unha evolución importantísima. Antes era un alimento máis pero sin os controis que ten agora, que xa se fala de produción diversificada, científica, tecnificada… Un viño de calidade agora non ten nada que ver cun de antes. A evolución é moi positiva, e segue tendo presenza na gastronomía e nos Camiños.

 

Coida que son factores importantes para potenciar o turismo?

O viño e o Camiño de Santiago son ao meu parecer, unha maridaxe perfecta, un percorrido íntimo, persoal e espiritual como é o Camiño, no que os peregrinos valoran a gastronomía, onde o viño local xoga un papel importante, e digo local porque escapan da globalización.

 

Cal é a finalidade da exposición?

Temos que valorar a cultura propia, unha cultura ancestral, que ven de épocas romanas, cun gran desenvolvemento na Idade Media, ligada a procesos culturais moi importantes como a peregrinación, e en séculos posteriores o viño tivo un desenvolvemento moi importante en Galicia. Houbo moito comercio internacional, e importación tamén, penso que é un aspecto moi importante da nosa gastronomía e da nosa cultura. Temos que valorizalo e bebelo!

 

Persoalmente, que opina do viño de Monterrei?

O viño de Monterrei encántame. Eu son máis de tintos, pero o viño branco da DO Monterrei encántame, e hai moitos que os localizas en calquera parte facilmente.

 

Agora que fala de localización, cre que é doado atopar os viños galegos fora?

Eu cheguei a comprar Albariño en Tokio, pero penso que deberiamos chegar máis alá, non sempre é fácil localizalos, somos bodegas pequenas e, ás veces, é complicado, habería que facer un esforzo porque é un viño que se pode apreciar fora, sobre todo os brancos galegos.

Te puede interesar