Monterrei

"A adicación á política non é compatible co exercicio dunha literatura pensada"

Monterrei

ENTREVISTA

"A adicación á política non é compatible co exercicio dunha literatura pensada"

Alonxado da actividade pública de xeito activo, "eu sempre estarei colaborando coa miña formación", leva unha moi prolífica actividade narrativa, sobre todo polos títulos inéditos que garda nos caixóns. Vén de publicar -xa se empeza a ver nas librarías-, "O códice esmeralda".

Alberte Blanco Casal é mestre no Instituto Xesús Taboada Chivite de Verín. Seguro que tamén moitos o coñecerán pola súa faceta política. Durante moitos ano encabezou a candidatura do BNG e que o levou incluso a formar parte do tripartito no Concello de Verín e máis tarde, a facerse cargo da dirección xeral de Montes cando Anxo Quintana foi vicepresidente do Goberno galego. Alonxado da actividade pública de xeito activo, "eu sempre estarei colaborando coa miña formación", leva unha moi prolífica actividade narrativa, sobre todo polos títulos inéditos que garda nos caixóns. Vén de publicar -xa se empeza a ver nas librarías-, "O códice esmeralda".

Semella que foi deixar a política e comezar a escribir. Foi unha vía de escape para esa inactividade?

Non, a min dende sempre me gustou escribir. O que ocurre é que a miña actividade política, que comecei moi pronto, mo impediu dalgún xeito ata o de agora. A adicación á política non é compatible co exercicio dunha literatura pensada. Se estás respostando ás inquedanzas da cidadanía pola súa realidade non tés a necesaria tranquilidade para escribir. 

Fálenos un pouco da nova obra, "O códice esmeralda", que se está a distribuir estes días polas librarías. 

É unha novela ambientada alá por principios do século XVIII, concretamente no ano 1702, o da batalla de Rande. Realmente son como tres historias entrelazadas, aínda que se poderían ler por separado, relacionadas coa tripulación de flota de Nueva España que atracou en Vigo. O achado dun antigo manuscrito familiar embarca a Xacobe nunha investigación que o retrotrae aos tempos da batalla de Rande. Xan Bieito, un antepasado seu, fora grumete na frota de Nova España e relatara as peripecias da longa viaxe, ademais da histórica batalla naval de 1702 na Ría de Vigo. O manuscrito deixaba entrever a existencia dun tesouro oculto, protexido por un estraño enigma que teóricamente deberían resolver os seus sucesores. 

Con todo, non é o único xénero que cultiva. Digoo pola recente publicación do libro sobre o camiño de ferro na comarca. 

Si, foi un traballo importante de investigación, como outros que teño asinado, tanto de xeito colectivo como a título particular. Fáloche, por exemplo, dun ensaio sobre o monte galego, froito en parte da miña experiencia nesa responsabilidade. 

Que nos agarda para o vindeiro traballo, porque sei que xa hai algúns a piques de saír.

Teño xa unha novela rematada dende hai un par de meses e da que non podo falar máis que o que xa dixen, que está lista. E outro dos proxectos xa esbozado é un libro que terá como núcleo o colexio dos Xesuítas no castelo de Monterrei.  

Volverá Alberte Blanco á política activa?

A política formou e forma parte da miña vida, pero creo que a etapa de estar na primeira liña da mesma xa pasou.n