andaina

A andaina de Monterrei será de carácter solidario

andaina_monterrei
photo_camera Begoña Garrido, Rosendo Fernández, José Luis Suárez y Marcos Meno, co cartel da andaina.
O percorrido pasará polas zonas afectadas polas riadas do mes de xullo

A sexta edición da andaina Viño de Monterrei terá carácter solidario, xa que transcorrerá polas zonas afectadas polas riadas do pasado mes de xullo. 

A proba deportiva, que terá lugar o vindeiro 6 de outubro, foi presentada a primeira hora da mañá deste luns no Pazo Provincial polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; a fundadora e responsable de didáctica da Cooperativa Xeitura, Begoña Garrido; e polo responsable da área de Cultura e Deportes do Concello de Monterrei, Marcos Meno.

Foi, precisamente, o concelleiro local, o que se encargou de explicar a fondo esta actividade deportiva que terá un percorrido de 20 quilómetros e que será de dificultade baixa. Contará, ademais, con dous puntos de avituallamento. A inscrición terá un custo de cinco euros e poderá realizarse no Concello, na firma Multisport Verín e en Deportes Redonet, en Ourense. 

Ao remate da proba, que tamén pretenderá dar visibilidade ao traballo dos viticultores en plena vendima, os participantes poderán probar os caldos da terra nun túnel do Viño, ademais de participar en sorteos e obter agasallos. "A proba poñerá en valor o territorio, a paisaxe, o deporte, o ocio, a gastronomía, e todo vinculado a un sector estratéxico na comarca como é o viño", manifestou o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández.

Te puede interesar