Arrancan os cursos de alfabetización básica en Verín

sede portas abertas verín
photo_camera A sede de Portas Abertas en Verín.
O programa busca mellorar as habilidades dos participantes e facilitar a súa insercción laboral

Os dous cursos de alfabetización básica que organiza o Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas xa se están botando a andar. Un deu comezo este luns e o segundo arranca este martes, os que se diferencian no grao de dificultade dos seus contidos, é dicir, un é máis básico. 

Ambos se desenvolverán na Casa da Xuventude do Concello de Verín en horario de tarde, de 16,00 a 20,00 horas, e terán unha duración de 120 horas, prolongándose ata o 11 e o 12 de maio -finalizará primeiro o que comezou onte-.

Con oito alumnos cada un dos programas, os cursos de alfabetización básica buscan mellorar as habilidades dos participantes e, ao remate da formación, os alumnos terán obtidas diversas facilidades que posibilitarán que a súa inserción laboral no mercado de traballo sexa máis doada. 

Ademais, dende a organización deste proxecto que se celebra anualmente e se pilota na comarca dende a entidade rural, búscase promover a igualdade, así como a saúde mental e física dos participantes e a inclusión social deles e as súas familias.

Obxectivos

Cofinanciado parcialmente polo Fondo Social Europeo e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos para Galicia 2014-2020, o CDR Portas Abertas marca unha serie de obxectivos para lograr cos seus alumnos e, así, apoialos na inserción laboral.

Entre as principais metas que se queren lograr destacan o desenvolvemento de accións de alfabetización básica para mellorar as habilidades educativas das persoas participantes, traballar a comprensión lectora e fomentar as habilidades de comunicación -ben sexa na expresión oral como á hora de escribir-.

Te puede interesar