Avanza a creación da aldea modelo de Pedrosa, en Riós

Aldea Modelo.
photo_camera Aldea modelo de Pedrosa, en Riós.
A Xunta publica a versión definitiva das guías de ordenación produtiva cos usos máis idóneos para esta aldea modelo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres as resolucións da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería de Medio Rural, polo que se someten a información pública a versión definitiva das guías de ordenación produtiva da aldea modelo de Pedrosa, no Concello de Riós, ademais da de Bustelo de Fisteus, en Quiroga.

Estas guías de ordenación produtiva configúranse como un documento técnico no que se delimitan os usos produtivos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nestas aldeas modelo, dende os puntos de vista económico, técnico, social e ambiental. 

Nesa liña, contémplanse unha serie de usos preferentes e outros secundarios. Así mesmo, indícanse os prazos e prezos establecidos para os grupos de cultivos e aproveitamentos, así como a descrición das actuacións a levar a cabo para a súa posta en produción.

Así, a aldea modelo de Pedrosa ten establecido como uso principal o aproveitamento mixto gandeiro en extensivo con cultivos agrícolas de ciclo curto ou cultivos complementarios á explotación -25,99 hectáreas-. Ademais de árbores froiteiras e cultivos de ciclo curto -2,07 hectáreas- e gandería en extensivo -21,79 hectáreas-. O resto da superficie da aldea considérase improdutiva debido ás características do terreo. Neste caso, a aldea modelo abrangue unha superficie de 52,03 hectáreas na contorna do núcleo de poboación, distribuídas en 922 parcelas de 164 propietarios.

Os produtores interesados en incorporarse a esta aldea modelo deben ter en conta que posteriormente á publicación do DOG queda aberto o prazo de concorrencia competitiva para o aproveitamento dos terreos. Estas guías poden consultarse tanto nos taboleiros de anuncios do Concello de Riós como na páxina web de Agader. 

Te puede interesar