Festival de curtas

O Entroido de Verín, protagonista no FIC Vía XIV con "Capuchóns"

02082021 Capuchóns verín
photo_camera Un entroideiro protagoniza a portada de "Capuchóns". (Foto: cedida).
A curta documental está elaborada polo verinense Íñigo Rolán

A sexta edición do Festival Internacional de Curtas FIC Vía XIV de Verín estrea de xeito oficial "Capuchóns", unha curta documental sobre o Entroido de Verín, elaborada por Íñigo Rolán Taboada como traballo de fin de grao. 

A peza, de 13 minutos, recupera a través de imaxes de arquivo inéditas e testemuñas dos protagonistas do entroido, a esencia desta festa durante os anos 70, 80 e 90. Ademais, a estrea contará coa participación do director da peza e das persoas que constitúen a voz en off deste documental. 

"Capuchóns" aborda unha época na que as celebracións mantiñan un carácter enxebre, na que a fariña estaba presente todos os días e na que as carrozas non lucían só o Domingo de Entroido. Un manifesto a prol da volta a unhas tradicións que se perderon desde hai moitos anos debido á visión máis turística que colleu o Entroido de Verín.

Así, a través da curta, coñécese como se xestou o primeiro desfile organizado por unha comisión durante a ditadura franquista -no ano 1967-, momento no que todo tipo de festividades relacionadas co entroido estaban prohibidas. En contraposición tamén amosa as rúas baleiras de Verín en febreiro de 2021, ano no que, por mor do coronavirus os verinenses tiveron que quedar na casa sen celebrar o Entroido.

Ademais de "Capuchóns", Rolán Taboada tamén elaborou un documental interactivo sobre o mesmo tema no que, a través das testemuñas dos mesmos protagonistas, o usuario ou usuaria poderá navegar a través das diferentes temáticas expostas no índice ao seu parecer. É, así, unha forma de construír a historia que axudará ás persoas que se afonden a coñecer a esencia do Entroido de Verín en todo o seu esplendor.

Te puede interesar