O Castelo incrementa servizos para acoller a turistas galegos

photo_camera Actividade no Castelo este martes pola mañá. (Vídeo: C.C.).
A oficina de turismo abriu durante o Día das Letras Galegas e organizou unha actividade de hípica 

A oficina de turismo de Monterrei abriu este martes as súas portas para recibir aos turistas que decidiron coñecer o patrimonio de Galicia no día festivo polas Letras Galegas. Cun horario habitual de mércores a domingo, onte a oficina de turismo mudou o seu horario e abriu para poder ofrecer visitas guiadas. E así foi: ata o Castelo de Monterrei achegáronse veciños de diversas partes de Galicia, sendo o grupo máis numeroso o dos participantes nunha excursión  da Asociación de xubilados e prexubilados do Banco Santander Central Hispano de A Coruña.

“Es la primera parada que hacemos hoy, después cruzamos la frontera para ir a Chaves y Guimaraes. Esto nos está gustando mucho, además para mí Ourense es la provincia más bonita”, contaba Marisa, quen puido coñecer a Igrexa de Santa María de Gracia e subir á torre da Homenaxe durante a visita guiada.

Como ela, os seus compañeiros tamén desfrutaron da visita: “Está gustándonos moito, recomendámoslle a xente que veña ata aquí”, contaban Carmen, Ana, José Luis y Elvira, os que rían agotados “polas costas que hai, somos maiores e é duro subir”. Eso si, non foi impedimento para que recorresen a Acrópole. Tamén outros visitantes procedentes de diversos puntos de Galicia aproveitaron a xornada festiva para coñecer a historia que agocha o Castelo.

Ademais, dende a oficina de turismo tamén organizaron unha xornada de iniciación á equitación no entorno da Acrópole. “As xornadas que realizamos en Semana Santa foron todo un éxito, por iso nos animamos a repetir, ademais o lugar é ideal”, explican dende o Club Hípico Monterrei.

Unha exposición de pintura 

Máis alá do patrimonio da Acrópole, dende o Concello e a oficina de turismo traballan por impulsar a cultura no seu entorno. Para iso, cada mes acollen na sala de exposicións Hospital da Trindade mostras artísticas. Desta vez, a sala dispón das obras participantes no IV Concurso de Pintura ao Aire Libre en Monterrei, celebrado o pasado outubro. 

Os artistas participantes son María Luz Nóvoa, Manuel Carballeira, que recibiu mención do xurado; Laine Villero, José Marcos, Eduardo Pérez, Antonio Lorenzo, tamén mención do xurado desta edición; Ana Isabel Arias, Mayte Prieto, Antón Piñeiro, gañador do certame; Jorge Garrido, premio da obra de Xosé Rivada, e Antonio Abad, Ledicia Prieto e David Gómez, quen acadou o segundo premio. As obras destes artistas estarán expostas todo o mes en horario de mércores a domingo -pasando pola oficina de turismo- no Hospital da Trindade, de 11,30 a 19,00 horas. 

Monterrei celebra dende fai catro edicións o seu concurso de pintura libre, no que os participantes buscan un lugar de inspiración no entorno da Acrópole e, nun tempo determinado, crean a obra que presentarán ao certame artístico.

Te puede interesar