TURISMO

Cualedro promove o castro de Saceda como recurso turístico

Saceda1_result
photo_camera Participantes na visita guiada que tivo lugar ao castro de Saceda, no Concello de Cualedro.

Unha visita guiada permitiu coñecer a veciños e visitantes as características do conxunto arqueológixo

Na xornada de onte o castro de Saceda, no municipio de Cualedro, foi protagonista dunha xornada de valorización dos seus restos celtas. A asociación Xeitura, en colaboración co Concello de Cualedro e a Universidade de Vigo, foron os promotores dunha actividade que comezou ás 11,00 horas da mañá, cunha visita guiada polo arqueólogo  Martiño Xosé Vázquez. Arredor de 25 persoas acudiron á ruta. "Xunto co Castelo de Monterrei, a Serra do Larouco, os castros e outro moitos recursos dos que dispomos, o sur de Ourense convírtese nunha das zonas de España con máis patrimonio cultural", afirma o arqueólogo, Martiño Vázquez, que reclama á Xunta que "se involucre na potenciación do castro e do resto de recursos turísticos do sur da provincia". 

Para o rexedor co municipio, Luciano Rivero, "debemos seguir potenciando e dinamizando o castro para que se convirta nun verdadeiro atractivo patrimonial e turístico da zona". O alcalde agradeceu  "a Martiño Vázquez e á Asociación Xeitura a súa disposición a colaborar coa posta en valor dos nosos recursos patrimoniais" mais tamén quixo recoñecer a boa disposición dos vecinos de Saceda "que non dubidaron en nos ceder todas as terras do entorno do castro para que as xestionara o concello".

Xa pola tarde, a xornada continuou no forno comunal da vila montederrense, onde se celebrou un obradoiro de arqueoloxía experimental e xogos populares para nenos, ao que remataron por se apuntar todos os veciños. No curso dos mesmos, os rapaces aprenderon, da man dos especialistas como era a vida nos antigos castros, a maneira na que os celtas cultivaban as súas sementes e mesmo os cativos chegaron a amasar o seu propio pan. 

Ás 18,00 horas comezou o magosto popular, no que foron os asistentes os que se encargaron de levar castañas, viño e chourizos para compartir. Máis de trinta veciños da vila se congregaron a esa hora para disfrutaren desta tradicional festa ourensá.

Un dos xacementos mellor conservados da provincia

Con máis de 2.500 anos de antigüidade, o castro da Saceda é un dos mellor conservados de toda a provincia de Ourense. Trátase do xacemento arqueolóxico de maior transcendencia da comarca de Monterrei e o único de Galicia que dispón da declaración de Ben de Interese Cultural (BIC). 

Historiadores como Antonio Rodríguez Colmenero teñen verificado durante as últimas décadas a transcendencia destes vestixios arqueolóxicos. "Aínda hai pouco tempo se descubriron dous novos petroglifos que temos que estudar e avaliar", informa o rexedor de Cualedro. Durante os últimos anos o consistorio ten presentado diversos proxectos de dinamización á Xunta e ao Ministerio e, coa axuda dalgunhas subvencións, colocou "tres monolitos" en lugares estratéxicos do municipio que fan referencia a tres lendas da zona. "Dispoñen dun código para que os visitantes poidan acceder a través do móvil e descargar as rutas turísticas e un plano dos recursos patrimonios e culturais dos que dispomos", conclúe Rivero.

Te puede interesar