Unha familia de Cualedro cede un edificio ao Concello para fins sociais

Edificio cedido ao Concello de Cualedro
photo_camera Este é o edificio cedido ao Concello de Cualedro.

No pleno celebrado este xoves en Cualedro, aprobouse por unanimidade a cesión ao Concello dun edificio dun particular para xerar vivendas no municipio

Este xoves o Concello de Cualedro recibiu a cesión dun edificio familiar do municipio para empregalo con fins sociais. Esta cesión foi aprobada nun pleno ordinario que se celebrou esta mañá, moción que foi aprobada por unanimidade polos 9 integrantes do consistorio. 

Este edificio era propiedade da familia de Bernardo Delgado Delgado e de Lisardo González Campos -ambos xa falecidos-. Os fillos decidiron cederlle o edificio, cunha planta baixa, dúas vivendas e un baixo cuberta ao Concello de Cualedro de maneira totalmente gratuíta.

Luciano Rivero, alcalde de Cualedro asegura que "estamos moi contentos porque contar con veciños que sexan tan xenerosos e que che doen un edificio é complicado, e sen pedir nada a cambio".

Dende o goberno municipal aseguran que este edificio se empregará con fins sociais, para a creación de vivendas a baixo custo. A idea é crear dous domicilios, empregar a planta baixa para oficinas municipais e estudar o posible uso de crear outra residencia no baixo cuberta. "Queremos crear vivendas sociais e que non se poida lucrar nin o concello nin terceiras persoas", engade Rivero.

Para levar a cabo a obra, o Concello de Cualedro soliciltará unhas subvencións da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e poder así rehabilitar o edificio e empregalo para xerar vivendas. "É unha maneira de fixar poboación no rural, algo que tanta falta fai", di o alcalde de Cualedro, que engade que "é unha iniciativa que busca fomentar o rural".

Con arredor de 1.600 persoas vivindo nos 20 núcleos de poboación que ten Cualedro, o goberno municipal quere seguir fomentando a vida no rural e así, evitar a despoboación.

Cando este proxecto esté rematado, dende a casa consistorial de Cualedro levarán a concurso as vivendas, nas que teñen prioridade "familias necesitadas, con poucos recursos e tamén se potencia que teñan cativos en idade escolar no CEIP Vicente Risco do municipio", aclara Rivero. 

Ademais, o edificio levará unha placa en agradecemento a Bernardo Delgado e Lisardo González e as súas familias pola doazón do edificio para usos sociais do Concello de Cualedro, unha forma de homenaxear o xesto desinteresado de cesión do edificio.

Vivendas dos mestres

Esta iniciativa do Concello de Cualedro xa se realizou con anterioridade, nas vivendas dos mestres, 5 vivendas que se rehabilitaron e se puxeron á disposición dos veciños e veciñas que as necesitasen, por un custe de 50 euros. Agora son 4 as vivendas habitadas, e a outra está a piques de adxudicarse.

Te puede interesar