ENTREVISTA

Stephy Llaryora: "Namorei tanto de Galicia que aprendín o galego de xeito autodidacta"

Stephy Llaryora, nunha imaxe promocional da obra “Neura”.
photo_camera Stephy Llaryora, nunha imaxe promocional da obra “Neura”.
Nada nos Estados Unidos, de pais arxentinos e raíces libanesas, Stephy criouse en Madrid pero xa é galega de adopción

Nome: Stephy Llaryora. Lugar e ano de nacemento: Florida, 1981. Profesión: Actriz e produtora teatral. Dato: Este martes estrea en Verín a última obra de De Ste Xeito Producións, “Neura”.

Esta actriz de formación combina dende hai xa seis anos a actuación coas labores de producións na súa compañía teatral, De Ste Xeito Producións. Este martes presentan en Verín a súa nova obra, “Neura”, ás 20,30 horas. Unha peza escrita e dirixida por Manuel Pombal, e protagonizada pola propia Llaryora e o actor Sergio Macías, na que se aborda a saúde mental dende a perspectiva das relacións de parella.

Pasei moitos anos vindo a Galicia de xeito recurrente, e namorei desta terra. Ao adicarme á produción teatral en Galicia, comecei a aprendelo pola miña conta porque tiña que tratar comercialmente con clientes, así como estudar os libretos das obras en galego.

Que é máis difícil, ser actriz o produtora teatral? Con cal desfrutas máis?

Quedo sen dúbida coa parte artística, dar vida a outros personaxes e adentrarme na psique humana, esa é a miña vocación, de formación e corazón. Pero a produción fai posible cumplir o meu soño de ser actriz. Fago moi bo equipo co meu socio Steve Dominguez, xa que eu levo a parte máis de comunicación e relación dentro da empresa.

En “Neura”, unha exparella serve para tratar a saúde mental. Por que cres que agora por fin importa este tema?

A intimidade que se xera nunha exparella que revisa as súas “neuras” permítenos abordar este tema. Os dous protagonistas tivemos as nosas propias experiencias coa saúde mental, como todo o mundo, pero queríamos ser quen de rir un pouco sobre nós aínda que sexa un tema moi serio que nos afecta a todos.

Como foi traballar baixo a dirección do dramaturgo e director Manuel Pombal?

O Manuel recolleu perfectamente todas as ideas que tiñamos e que lle plantexamos para escribir o texto. Mesmo se a súa dirección é moi distinta ás que estamos acostumados, foi toda unha experiencia. Ademais trátase dunha figura emblemática do teatro galego, e por riba de todo é unha persoa marabillosa, cunha grande sabedoría.

É esta a primeira vez que actúas en Verín? Coñeces a comarca e a contorna?

Esta será a terceira vez, sempre con obras distintas. Creo sinceramente que Verín ten un dos teatros máis bonitos de Galicia, e gústame moito tamén da comarca a afección que hai polo teatro, o público goza de gran cultura e sensibilidade. Só me queda voltar durante o Entroido e tomar parte nesa fantástica “tolemia” colectiva.  

Te puede interesar