MONTERREI

Gaiteiros de todo o mundo daranse cita en Monterrei

Cindy Manso, José Luis Suárez, Rosendo Fernández e Xosé Luis Foxo.
photo_camera Cindy Manso, José Luis Suárez, Rosendo Fernández e Xosé Luis Foxo. (XESÚS FARIÑAS)

Será no marco da 34 edición da Xuntanza de Gaiteiros este sábado 8 de xuño

Monterrei quenta motores para acoller a trixésimo cuarta edición da Xuntanza Internacional de Gaiteiros que reunirá a músicos procedentes de lugares como Galicia, Bélxica, Croacia, Escocia ou Alemaña. O evento, que se celebrará este sábado, foi declarado de Interese Turístico e Cultural e presentouse, nesta ocasión, no Pazo Provincial. 

O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo; o rexedor de Monterrei, José Luis Suárez; e a educadora social do Concello de Monterrei, Cindy Manso, desgranaron onte todos os detalles desta nova entrega coa que Ourense se convertirá en eixo central da cultura.

"Trátase dun prestixioso foro de ámbito mundial polo que pasaron os máis destacados gaiteiros, e supón un complemento ás actividades da Escola Provincial de Gaitas e Percusión de Ourense", sinalou Rosendo Fernández. "A xuntanza marca a historia desta escola, que leva 34 anos facendo cultura e convertendo a Ourense nun referente neste ámbito", apunta Xosé Lois Foxo. 

Durante este evento tamén se inaugurará unha exposición de gaitas procedentes dos países eslavos no Hospital do Peregrino, no Castelo de Monterrei, que poderá visitarse ata o vindeiro 15 de xullo e que contribuirá a "dar valor", segundo José Luis Suárez, ao gran patimonio da comarca.

Te puede interesar