Unha iniciativa lazana acondicionará o Camiño

casa ultreia
photo_camera Entrada ao local de Ultreia, en As Eiras.
A Asociación Ultreia-As Eiras, a favor dos peregrinos, organiza esta ruta por etapas

A Asociación Ultreia - As Eiras (Laza), coa colaboración da Brigada do Fumo, organiza a iniciativa “Camiña e limpa”, que comeza este sábado e se prolongará ata o 10 de xuño. “Somos unha asociación de apoio ao peregrino, e vendo actividades que se fan noutros lugares, xurdiu a idea de facer algo para contribuír a limpar o Camiño”, explica Cristian García, que xunto a Marisol Santos, dan forma a esta asociación rural. 

A actividade organízase en etapas. Este sábado, os participantes percorrerán un tramo de A Gudiña a Ventas do Bolaño. A segunda cita será o 22 de abril, das Ventas do Bolaño a As Eiras; a terceira etapa será desta aldea á Tamicelas o 20 de maio, e “Camiña e limpa” rematará o 10 de xuño percorrendo a ruta de Tamicelas a Vilar de Barrio. “Son etapas sinxelas e de pouca distancia porque imos ir parando para recoller lixo ou mellorar as sinais do Camiño, polo que se trata de desfrutar”, sinalan dende a asociación. O punto de encontro de todas as xornadas será á entrada de Laza. 

Vencellados, así, ao Camiño e aos peregrinos, Ultreia - As Eiras pon a disposición o seu local social para os peregrinos. “No ano 2013, un grupo de amigos decidimos facer a asociación porque falando con peregrinos decatámonos de que non había moitos servizos”, sinalan. Por iso abriron o seu local social a eles: “Tratamos de estar nas Eiras moito tempo para que cando os peregrinos pasen poidan parar a tomar un refresco, comer algo ou descansar antes de chegar a Laza. En 2022 instalamos na casa dúas liteiras por se queren quedar a durmir”, engaden, sen pedir nada a cambio, “só a vontade”. 

Te puede interesar