Comenza en Verín o primeiro taller que despois terá continuidade en todas as denominacións

A innovación achégase ós profesionais do enoturismo

Carmen Pardo e Jiménez Morán, durante a presentacón do taller. (Foto: Marcos Atrio)
O Centro de Cooperativismo de Pazos de Verín acolleu onte o acto de inauguración do Taller de Innovación en Enoturismo da Denominación de Orixe Monterrei, que promove e financia a Secretaría Xeral para o Turismo.
A titular deste departamento, María del Carmen Pardo, asistiu acompañada polo alcalde de Verín, Juan Jiménez Morán; o secretario xeral de Agader, Isaías Calvo; o presidente da Denominación de Orixe Monterrei, Antonio Méndez, e o xefe de proxectos de Hosteltur, Jimmy Pons. A secretaria xeral amosou a súa satisfacción por comezar esta iniciativa nun 'lugar de gran tradición vitivinícola e de recoñecido prestixio, onde a calidade e cantidade, dous factores sempre difíciles de conxugar en simultáneo, teñen crecido exponencialmente'.

O martes 23 de novembro o taller enfocarase á Denominación de Orixe Valdeorras, e terá lugar no Centro Comarcal desa denominación. Ao día seguinte, o Centro Comarcal de Terra de Lemos, en Monforte, acollerá o obradoiro dedicado á Denominación de Orixe Ribeira Sacra. O xoves 25 celebrarase no Centro Comarcal do Ribeiro e, finalmente, o 26 terá lugar o obradoiro das Rías Baixas no Centro Comarcal do Salnés (Pontevedra). Os obradoiros están orientados a 'axudar ós profesionais do sector a introducir a cultura da innovación nas pemes, así como o uso de ferramentas que faciliten a xestión e a promoción destas', sinalou Carmen Pardo.

O obxectivo final é o de definir estratexias innovadoras para as adegas e os produtos enolóxicos, fomentando así a fidelización e a prescrición dos clientes.

Te puede interesar