Monterrei

Medio Rural destaca A Saceda como "dinamizador do entorno”

Monterrei

PATRIMONIO

Medio Rural destaca A Saceda como "dinamizador do entorno”

Antonio Rodríguez Colmenero, José González e Luciano Rivero.
photo_cameraAntonio Rodríguez Colmenero, José González e Luciano Rivero.

O conselleiro visitou as actuacións realizadas no castro ubicado en Cualedro, con 16.000 euros

O Conselleiro de Medio Rural, José González, achegouse ata Cualedro para supervisar as actuacións levadas a cabo para a valorización do Castro da Cidá da Saceda, rematadas este pasado verán. Concretamente, o Grupo de Desenvolvemento Rural -GDR- 9 Monteval promoveu unha intervención arqueolóxica e a catalogación dos restos da contorna. Neste senso, a Consellería colaborou coa posta en marcha de case 800 proxectos a través das axudas do Plan Leader, pertencentes ás convocatorias de 2017 e 2018, por un montante de 38 millóns de euros, entre eles, o de Cualedro. O municipio contou cunha axuda de 14.000 euros nun investimento mobilizado que supera os 16.000 euros.

Segundo apuntou José González, este tipo de actuacións "son moi importantes á hora de dinamizar o rural, facelo atractivo e, ademais, xerar unha actividade económica". Asimesmo, destacou que son os propios axentes do territorio, tales como asociacións e concellos, "os que determinan onde se debe investir para acadar os obxectivos de crear e soster un medio rural máis vivo e con mellor calidade de vida".


359 proxectos para 2019


Baixo a convocatoria destas axudas, durante o ano 2017 subvencionáronse 399 proxectos por un valor de 18,4 millóns de euros. Con respecto ao pasado exercicio de 2018, todavía en execución, agárdase acadar a cifra de 359 proxectos por un montante de 19,5 millóns de euros e, ata o 31 de maio, estará aberto o prazo para presentar novos proxectos á convocatoria de 2019, que ten un orzamento de 16,5 millóns de euros.


Xuntanza cos grupos


Logo de visitar Cualedro, José González desprazouse ata Monterrei para manter unha xuntanza coa directiva de todos os grupos de desenvolvemento rural de Galicia. Na asemblea establecéronse diferentes vías coa finalidade de reforzar e mellorar o papel mediador dos distintos GDR para desenvolver iniciativas no rural. O Conselleiro adiantou que, en breve, se resolverán as novas axudas dirixidas á cooperación interterritorial dos GDR con 400.000 euros.


Tres décadas de investigación en Cualedro


O Conselleiro de Medio Rural estivo acompañado polo rexedor da localidade, Luciano Rivero, e por Antonio Rodríguez Colmenero, que iniciou a exploración do Castro da Saceda nos anos 80. O investigador e premio Pedra Alta 2018, tamén traballa cos petroglifos da contorna.