Monterrei

O Museo Claustro Mercedario apoya o proxecto “O monte vivo"

Monterrei

CULTURA

O Museo Claustro Mercedario apoya o proxecto “O monte vivo"

Esta iniciativa busca poñer en valor a flora e a fauna dos montes da comarca de Monterrei

O profesorado do equipo de Normalización e Dinamización Lingüistica do Instituto Xesús Taboada Chivite de Verín contará, dende este momento, co apoio do Museo Claustro Mercedario, así coma do Concello de Verín, para seguir desenvolvendo o seu proxecto "O monte vivo" co que se pretende poñer en valor a flora e a fauna dos montes da comarca de Monterrei. 

Dentro desta nova liña colaborativa, o vindeiro luns, día 17 de febreiro, o alumnado do centro de ensino visitará as instalacións do Museo Claustro para coñecer, grazas á exposición "Aves de Galicia", a gran variedade de especies de paxaros que habitan na comunidade galega. A mostra pretende, mediante unha serie de paneis interpretativos, recoller e amosar a variedade, morfoloxía e estudo das aves galegas.

Un grupo de alumnos do IES Xesús Taboada Chivite levou a cabo unha recolleita dos nomes locais das aves que habitan no seu entorno, contando coa colaboración de Xosé Manuel Reigada. Pola proximidade de Verín a Castela e Portugal, os mozos comprobaron que a influencia na fala destes dous lugares provoca que existan diferentes nomes para referirse a un mesmo animal. Os estudantes completarán os paneis da exposición cos nomes locais que eles mesmos recolleron. Tamén se están a preparar xornadas de plantación de árbores.