CULTURA

Música e tradición, na Xuntanza Internacional de Gaiteiros

Nesta edición o evento terá unha segunda xornada, o 24 de xullo, en Ourense

O Castelo de Monterrei acollerá o vindeiro sábado, 11 de xuño, a primeira das dúas xornadas que conformarán a XXXI Xuntanza Internacional de Gaiteiros, declarada recentemente de Interese Turístico e Cultural. A segunda xornada terá lugar o día 24 de xullo na Ponte Romana de Ourense.

A presentación do evento tivo lugar onte na Pazo Provincial, nun acto no que participou o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o deputado de Cultura, Manuel Doval; o director da Escola de Gaitas, Xosé Lois Foxo; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, e o gaiteiro Óscar Ibáñez.

Rosendo Fernández resaltou o labor de recompilación que se fixo nas xuntanzas celebradas ata agora polo equipo dirixido por Xosé Lous Foxo, "porque os pobos teñen que recoñecer a súa historia, porque recoñecéndoa a saben e só así se labra o futuro". Sinalou tamén Rosendo Fernández que nesta edición serán homaxeadas dúas persoas vencelladas co mundo da gaita: en Monterrei, a cantareira Julia Bailón Fernández, e na Ponte Romana, o gaiteiro coruñés Pepe Temprano.

No acto tamén se presentou un DVD cun video resumo dos 30 anos de historia da celebración. O programa desta XXXI edición conta con actuación de artistas de Irlanda, Alemaña, Bélxica, Asturias, Francia, Grecia, Portugal, Holanda, Cantabria e distintos puntos de Galicia.

Pola súa banda, o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, resaltou que este ano contará coa presencia de dúas bandas de gaitas do seu Concello, a de Medeiros e a de Flariz, homenaxearase a unha cantareira do Concello e a Elpidio Justo, un gaiteiro emigrante de Medeiros, de 84 anos, pola defensa que fixo da gaita ao longo da súa vida".

O acto rematou coas actuacións de Óscar Ibáñez, quien interpretou unha peza cunha gaita de 160 anos, e das Cantareiras da Real Banda de Gaitas.

Te puede interesar