Cultura

A “raia" estreitará novos lazos co encontro musical verinense

Jacobo Sutil, Emi Canda, José Costa, Diego Lourenzo, Ana Villarino, Inés Portela e Emilia Somoza.
photo_camera Jacobo Sutil, Emi Canda, José Costa, Diego Lourenzo, Ana Villarino, Inés Portela e Emilia Somoza.
O evento desenvolverase os días 12, 13 e 14 de marzo e contará cun cento de profesionais do sector

A conta atrás para o Primeiro encontro profesional de música de Galicia e Portugal (Mumi), iniciouse onte xoves coa presentación oficial da súa programación no Auditorio municipal de Verín. O evento, que busca achegar a cultura musical de ámbolos dous paises e estreitar lazos na raia, combinará un aspecto profesional e outro máis lúdico con concertos abertos ao público. 

A organización do encontro recibiu 315 propostas -entre iniciativas artistísticas e profesionais- para participar nesta primeira edición que se desenvolverá os días 12, 13, e 14 de marzo na vila do Támega. 

No que atinxe ao carácter máis profesional do proxecto -contará cun cento de expertos do sector-, os "showcases" -pequenos concertos- comezarán o xoves, día 12 de marzo ás 12,00 horas, no Auditorio municipal de Verín. Os protagonistas serán Magín Blanco e A Banda das Apertas, destinada a público familiar e que contará con asistentes das escolas de Primaria de Verín; o portugués Luca Argel, coa súa samba; e a cantautora galega Silvia Penide. Xa o venres, a música continuará cos galegos Ezetaerre, a agrupación Barry White Gone Wrong e Xacobe Martínez Antelo Trío. Nesta mesma xornada haberá unha maridaxe nas bodegas Tapias Mariñán coa actuación da formación galega Oîma. 

Dentro do apartado profesional celebraranse "palestras" para o debate de cuestións de interese para o sector -festivais, apoio á música, ou xestión musical-, e tamén "speedmeetings" para que artistas e profesionais do "management" poidan iniciar un contacto laboral. 

Actividades para o público

O concerto de benvida -Uxía e Rui David- e os últimos "showcases" de cada xornada, así como as actuacións previstas en varios locais de Verín, serán abertos ao público -será necesario solicitar un convite no Auditorio en horario de 17,00 horas a 20,30 horas-.

Neste último cartel destacan as bandas Cassete Pirata, Familia Caamagno, Pálida, Os D'abaixo, Bed legs, e os portugueses Spicy Noodles.

Todas as actividades previstas para o sábado tamén estarán abertas ao público en xeral e irán dende un encontro de música tradicional, ata presentacións de libros. 

O MUMI foi presentado onte en Verín por Diego Lourenzo, tenente de alcalde do Concello de Verín; Emilia Somoza, concelleira de Cultura de Verín; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Ana Villarino, deputada de Termalismo, Turismo e Medioambiente da Deputación de Ourense; Emi Canda e Inés Portela, por parte do MUMI–Galicia; e José Costa, por parte de MUMI–Portugal.

Sector

"Dende a Xunta de Galicia estamos encantados co proxecto porque sae do propio sector, que foi o que tivo a iniciativa", explicou Jacobo Sutil, director de Agadic. "Para Verín o MUMI é un activo moi importante dende o punto de vista turístico", apuntou Diego Lourenzo. 

Pola súa banda, Ana Villarino, asegurou que "Galicia e Portugal sempre estiveron unidas máis aló das fronteiras e que agora o estarán tamén no eido musical".

Te puede interesar