Festival de curtas

'Os tempos mortos do Führer' aterrou no Festival Internacional de Curtas de Verín

fic verín
photo_camera Os creadores do proxecto. (Foto: cedida).
A xornada completase cun concerto de Verto, ás 22,30 horas, no exterior do Auditorio

“Os tempos mortos do Führer” chegou este martes á pantalla do Festival Internacional de Curtas de Verín. A webserie é un proxecto que naceu en Ourense, rodado en galego e no que o seu adianto se filmou no Retiro do Conde (Vilaza, Monterrei). 

Esta peza pretende ofrecer respostas ao espectador, en clave de ficción, sobre todo aquilo que ocupaba a Hitler nos seus tempos libres máis íntimos. Webserie que conta coa presenza da xornalista verinense Esther Estévez.

Javier Santana, Uxía Ferreira, Elisa Lima e Gemma Martínez son os creadores de “Os tempos mortos do Führer”, un proxecto que xurdiu dun traballo do Ciclo de Produción Audiovisual e Espectáculos. “Para nós presentar este proxecto en Verín é unha oportunidade, invertimos moitas horas de esforzo e traballo”, comenta Santana, quen, orgulloso da webserie, asegura que “fixemos un produto de calidade, é a nosa carta de presentación”.

Verto en concerto

Acompañando ás actividades paralelas, o dúo galego de pop moderno, Verto, fará bailar a case 200 persoas, as que desfrutarán dun concerto no exterior do Auditorio de Verín, ás 22,30 horas.

Estes mozos de Compostela traen a vila do Támega “Embora”, o seu novo traballo, co que demostraron o seu talento para crear himnos do pop electrónico para toda unha xeración de mozos.

Te puede interesar