Verín convoca o seu certame de relato curto das Letras Galegas

16.04.16.VERIN.XORNADAS DE PORTAS ABERTAS NOVO AUDITORIO DE VERIN.
photo_camera Auditorio de Verín.
O acto de entrega celebrarase no Auditorio Municipal o 17 de maio

O Concello de Verín vén de convocar, como todos os anos, o seu certame de relato curto Antonio Fernández Pérez para o Día das Letras Galegas. “Para fomentar a creatividade literaria das persoas que estudan nos centros de ensino da comarca, o Concello de Verín, coa colaboración de Gadis, organiza este tradicional concurso”, sinalan dende o ente municipal, que xa teñen todo preparado para a celebración da gala do Día das Letras Galegas, data na que se entregan os premios deste certame e do de poesía no Auditorio Municipal. 

Poderán participar persoas matriculadas en 5º ou 6º de Primaria e na ESO de calquera centro da comarca de Verín. O relato deberá ser orixinal, inédito e con tema e estilo libre, escrito en galego e non superará os 2.800 caracteres. “O xurado cualificador estará composto por persoas con dereito a voz e voto e as súas decisións serán inapelábeis”, engaden dende a organización do certame.

Os premios -en cada unha das tres categorías- serán de 90 euros para o primeiro, de 60 euros para o segundo e de 30 euros para o terceiro, mentres que os finalistas recibirán un diploma e un lote de libros. 

Ademais, para incentivar a lectura e escrita en galego, “os centros de Verín participantes recibirán un bono para adquisición de libros por un importe de 60 euros”, conclúen dende o Concello de Verín. 

Te puede interesar