Convenio

Vilardevós contará con seis vivendas sociais e acondicionará as piscinas

210729 piscina Vilardevos
Para a execución das obras, investiranse case 230.000 euros, a través dun convenio coa Xunta de Galicia

O Concello de Vilardevós levará a cabo dúas actuacións urbanísticas que permitirán mellorar os equipamentos públicos a disposición da veciñanza, así como contribuír á humanización do núcleo urbano.

Estas obras serán posibles grazas á colaboración económica da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Manuel Cardoso, alcalde de Vilardevós, e Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, asinaron dous convenios de colaboración, que suporán un investimento total de case 230.000 euros, cofinanciados nun 70% polo departamento autonómico e nun 30% polo Concello.

En concreto, unha das actuacións a executar permitirá acometer unha completa rehabilitación das piscinas municipais de Vilardevós, actualizando e mellorando as actuais dotacións e servizos cos que conta. A execución das obras suporá un investimento de 126.500 euros, dos cales, a Xuna achega 88.500 e o Concello 38.000 euros, repartidos nas anualidades 2021 e 2022.

No que atinxe á segunda actuación comprometida, trátase dunhas obras que teñen como obxecto acometer a urbanización do entorno das "vivendas dos mestres", de titularidade municipal. Con esta obra, o Concello poderá dispor de 6 vivendas sociais.

O orzamento comprometido neste caso ascende a algo máis de 103.000 euros co seguinte reparto: 72.000 por parte do Executivo autonómico e 31.000 pola do Goberno local.

Plan Hurbe

Os convenios de colaboración asinados entre Vilardevós e Xunta de Galicia enmárcanse dentro do Plan Hurbe, un programa impulsado no ano 2010 para apoiar ás entidades locais na execución de proxectos urbanísticos destinados a crear ou mellorar equipamentos municipais e humanizar e urbanizar espazos e infraestruturas de uso público.

Dende a súa posta en marcha, o Goberno galego leva colaborado xa no financiamento de máis de 300 actuacións urbanísticas e cun investimento global de case 150 millóns de euros. 

Te puede interesar