viticultura

O viño de Monterrei reforza a súa aposta de motor turístico

Unha das últimas feiras do viño celebradas en Verín, na alameda.
photo_camera Unha das últimas feiras do viño celebradas en Verín, na alameda.

En xuño celebraranse xornadas de portas abertas en adegas con catas e roteiros pola comarca

Os vindeiros días 14, 15 e 16 de xuño haberá a posibilidade de coñecer de preto varias adegas dos viños de Monterrei grazas ás xornadas de portas abertas e rutas dos viños que se impulsan dende a Xunta de Galicia. Ao remate das visitas, os participantes poderán degustar os mellores viños da comarca e algúns restaurantes da contorna ofrecerán menús elaborados para a ocasión. Estarán compostos por primeiro e segundo prato -maridados con viños da Denominación de Orixe de Monterrei- e sobremesa. Nalgúns casos ofrecerán menús infantís para os nenos e nenas menores de 12 anos que acodan coas suas familias. 

Por outra banda, coas rutas mencionadas haberá un programa especial de actividades para a fin de semana, entre as que destacarán: autobuses do viño, catas comentadas, visitas a museos, rutas monumentais, paseos en barca, descontos en aloxamentos e outras accións relacionadas co mundo do viño.  

A ruta do viño de Monterrei poderá realizarse polas adegas Fragas do Lecer, Daniel Fernández, Gargalo, Pazo de Valdeconde, Quinta Soutullo, e Vinos Lara. Ademáis, os días 14 e 15 haberá outras actividades como unha visita á sala de exposicións de Verín, na que se poderán coñecer os traballos realizados pola Escola de Artes e Oficios de Verín. 

Na capital verinesa organizarase unha ruta de tapas con visita guiada o venres, 14 de xuño, a partir das 19,30 horas. Tamén será posible visitar a Ruta dos Lagares Rupestres e a Adega das Barrocas na veciña Oímbra. Nesta ocasión, o día para facelo será o domingo, día 16 de xuño, en horario de 10,00 horas, a 14,00 horas. Un día antes, celebrarase unha ruta de sendeirismo baixo o título "Adegas e Lagares". Será un percorrido de 10 quilómetros e de dificultade baixa, que permitirá aos participantes descubrir as riquezas e paisaxes da zona. 

O Bus do Viño sairá tamén o sábado día 15 de xuño, da estación de autobuses e percorrerá os lagares rupestres e o Castelo de Monterrei, cun breve espazo de tempo para poder xantar.

Te puede interesar