Monterrei

“Vive o camiño" invita a unha ruta polo Támega

Este domingo o ciclo chegará ata Monterrei onde, ás 10,00 horas, terá lugar unha camiñata polo Camiño Real

O programa cultural "Vive o camiño", promovido pola Xunta para promocionar a Vía da Prata e o Xacobeo 2021, aterrará esta fin de semana na comarca de Monterrei. 

No caso de Verín, as actividades terán lugar hoxe sábado e arrancarán ás 10,00 horas coa Ruta do Río Támega. Será unha oportunidade única para descubrir a contorna natural da localidade da man dun guía experto. A iniciativa, de dúas horas de duración, será apta para o público familiar, e ao final da mesma ofrecerase aos participantes unha degustación de pinchos e viños da zona da Denominación de Orixe Monterrei. 

Xa pola tarde, celebraranse dous obradoiros no Auditorio municipal: un para adultos, Memorias de Prata, ás 16,30 horas na sala polivalente, e outro, Xogando coa natureza, ás 17,00 horas na sala de ocio e deseñado para os máis pequenos. Os actos rematarán ás 17,30 horas coa actividade Cata o Camiño que terá lugar no hall do Auditorio. Consistirá nun showcooking con Gerson Fernández, de Cociña Ourense, que elaborará en directo as súas creacións.

Mañá domingo o ciclo chegará ata Monterrei onde, ás 10,00 horas, terá lugar unha camiñata pola zona do Camiño Real. Xa pola tarde, continuarán as actividades no Castelo de Monterrei cos mesmos obradoiros que na xornada anterior.

Te puede interesar