CULTURA

O documental "Xela Arias. Poeta nas marxes", proxectarase gratuitamente en Verín

O documental, dirixido por Beatriz Pereira, procura achegarse ás diversas dimensións de Xela Arias

O documental "Xela Arias. Poetas nas marxes", proxectarase, con reserva previa ou con acceso gratuíto antes das funcións, na Casa da Cultura de Verín en catro pases o vindeiro domingo día 30 de maio. A cita será ás 12:00, ás 18:00, ás 19:00 e ás 20:00 horas. 

Estreado en abril, o documental, dirixido por Beatriz Pereira, de media hora de duración e recomendado desde os 12 anos, procura achegarse ás diversas dimensións de Xela Arias, a través de voces expertas na autora -María Xesús Nogueira, Manuel Bragado, Xosé María Álvarez- ou de persoas que a coñecereon ben -Marga do Val, Susana Trigo e Humberto Heredia-.

"Xela Arias. Poetas nas marxes" percorre a vida e obra da homenaxeada no Día das Letras Galegas deste ano, deténdose en todas as arestas que fixeron de Xela Arias unha muller situada nas marxes da literatura, analizando o seu labor como poeta, traductora e correctora, así como o seu impacto na vida cultural galega. 

Ademais, Xela Arias é a quinta escritora a que a Real Academia Galega homenaxeou dende 1963 co Día das Letras Galegas, tendo múltiples faces, entre elas unha faceta rockeira, escribindo letras para os Desertores.

Cartel Verín xela arias

Neste sentido, chega a Verín este documental. Ata o xoves incluído, nos teléfonos 988410000 ou 988410334, de 9:00 a 14:00 horas, pódense reservar asentos para asistir gratuitamente ás proxeccións. Tamén, antes do comezo das funcións, ata completar un aforo reducido e controlado polo plan de prevención ao coronavirus.

Rede de Dinamización Lingüística

O documental exhíbese en Verín dentro dun ciclo itinerante financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que se desenvolve en parte dos concellos que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística, na que está integrado o Concello de Verín. 

"Coa itinerancia, preténdese que a festa da lingua galega se estenda máis alá do 17 de maio e do mes das letras, e que ao longo de case todo o ano se poida visibilizar e recoñecer a figura, a vida e a obra de Xela Arias", explican dende a casa consistorial. 

Para iso, ademais do Museo do Mar de Galicia (Vigo) e da Casa da Cultura de Verín, ata outubro acollerán o documental concellos tan diversos como O Carballiño, Pereiro de Aguiar, Xinzo de Limia, e Trives, entre moitos outros.

Te puede interesar