Laza terá un Centro de Emerxencias subterráneo

O goberno provincial aprobou unha partida de 150.000 euros para o proxecto de emerxencias en Laza

A Deputación de Ourense aprobou unha partida de 150.000 euros para a construción do Centro municipal de Emerxencias en Laza, un edificio que será subterráneo e sobre o que se construirá un parque público.

Así o sinalou este venres a deputada de Transparencia e Goberno da Deputación, Montserrat Lama, durante a rolda de prensa posterior á xunta de goberno do ente provincial e na que informou sobre distintas subvencións por un importe de 293.845 euros para proxectos municipais e temas de cultura.

Lama sinalou que o Concello de Nogueira de Ramuín (Ourense) recibirá 39.000 euros para dous proxectos. Por unha banda, 9.000 euros para instalar un tótem escultórico nunha rotonda, co obxectivo de que sirva como sinal identificativo do concello. A xunta de Goberno tamén aprobou unha subvención de 30.000 euros para recuperar e adaptar o parque infantil do CEIP de Luintra (en Nogueira de Ramuín).

O Concello de Bande percibirá 13.945 euros para a instalación de radiadores na planta baixa da casa consistorial, dentro do proxecto de eficiencia enerxética das dependencias municipais.

Unha axuda similar, 13.900 euros, percibirá o Concello de Sandiás para a construción dun patio cuberto e a instalación dunha pérgola no Punto de Atención á Infancia, co obxectivo de mellorar o acceso ás instalacións e unha maior comodidade por parte dos usuarios nos días de choiva.

Por outra banda o Concello de Oimbra recibirá unha subvención de 6.000 euros para a eliminación de barreiras arquitectónicas mediante a instalación dunha plataforma salva-escaleiras.

As subvencións aprobadas pola Xunta de Goberno complétanse cunha partida de 50.000 euros para sufragar as actividades da Mancomunidade de Terras de Celanova e 15.000 euros para colaborar nas actividades da Real Academia Galega en Ourense durante o ano 2017.

Te puede interesar