Xuntos por Laza critica as obras de Adif nas súas estradas

Laza (2)
photo_camera Estado de algúns tramos da estrada.
O Concello xa se puxo en contacto con Adif, ademais de solicitar á Xunta de Galicia a supervisión da actuación

Xuntos por Laza insta ó Concello a que realice os trámites oportunos ante a Axencia Galega de Infraestruturas da la Xunta de Galicia para que “as obras de arranxo do firme da estrada OU-113, en Laza, reparen todo o seu traxecto, non como se están a facer ata o de agora que deixan treitos co estado do firme con fochancas, cuarteado e converténdose nun perigo para a circulación pola estrada”. 

Como ocorre en Castrelo do Val, tamén hai descontento polas obras que está levando a cabo Adif debido ao deterioro da estrada polo tránsito de camións durante as obras do AVE. “En xullo comezaron o arranxo da estrada, e a nosa sorpresa foi que non o están facendo na súa totalidade, senón que están facendo parches de gran extensión e deixando zonas sen arranxar en Matamá, Retorta e Arcucelos”, explica Jorge Lorenzo, portavoz de Xuntos.

Pola súa parte, dende o Concello xa iniciaron os trámites para solicitar que se melloren as deficiencias. “Xa o comentamos con Adif e coa Subdelegación do Goberno en Ourense, porque é certo que hai zonas polas que están a arranxar certos tramos pero deixan fochancas ó carón sen cubrir”, apunta José Ramón Barreal, alcalde do municipio. “Imos tamén dirixirnos ao titular da estrada, que neste caso é a Xunta de Galicia, para que supervisen os traballos que están facendo os de Adif”, conclúe.

Te puede interesar