EEUU

Non lle disparen aos pallasos

payaso_result
photo_camera Imagen del siniestro "payaso de Wasko" que atemoriza California.

A última historia delirante americana é a da aparición de pallasos ao longo e largo da xeografía americana que sementan o pánico entre a poboación. Sen embargo, a policía emitiu un comunicado esta semana lembrando, literalmente, que “é ilegal disparar a un pallaso”

Estados Unidos é un fervedoiro de historias delirantes, e non falo da foto desta semana de Ted Cruz facendo de telefonista para pedir o voto para Trump, seu “arqui-inimigo”, que podería ser. Non. A última é a da aparición de pallasos ao longo e largo da xeografía americana que sementan o pánico entre a poboación. Se o pensan a figura dun pallaso pode chegar a ser bastante escura e máis tras que Stephen King o convertera no asasino de IT… quen ía ter antes medo dun pallaso? Pois agora moita xente.

A policía estadounidense emitiu un comunicado esta semana lembrando, literalmente, que “é ilegal disparar a un pallaso”. O que nos leva a deducir, se facemos o razoamento á inversa, que hai xente neste país que pensa que é legal disparar a un pallaso. Polo de agora non morreu ningún…ao tempo. Son ducias os casos de “avistamentos” e algúns extraordinariamente macabros, hai que recoñecer.

No condado de Brevard, en Florida, Kelly Reynolds de 41 anos estaba a pasear aos seus cans pola noite preto das vías do tren cando os cadelos comezaron a ladrar, e a dirixirse cara os raís. Kelly xirou cara a zona boscosa trala vía onde apuntaban os seus cans e nese intre viu dous pallasos sentados na escuridade mirando fixamente cara ela. “Eu nunca corro -dixo a señora Reynolds á policía- pero nese intre din volta e corrín o máis rápido que puiden”. Comprensible. Son xa 11 os Estados nos que se reportaron avistamentos.

As bromas con pallasos son recorrentes e virais, non hai nada novo, internet está cheo delas, e esta semella unha máis. Parece ser un fenómeno de copia como tantos outros entre os adolescentes do país… pero ollo porque pode que se lles estea indo das mans.

As escolas de Reading, en Ohio, pecharon o venres 30 de setembro porque unha muller dixo que fora atacada por un pallaso. Tamén pecharon en Alabama e en New Jersey. En Conneticut prohibiron o disfrace de pallaso para este vindeiro Halloween. Os alumnos da Penn State University en Pensilvania lanzaron unha cacería de pallasos. Se ven o vídeo parece máis unha noite de novatadas e botellón que outra cousa pero a pregunta é… qué farían eses centos de alumnos se atopan a unha persoa vestida de pallaso, línchalo? Pois pode ser. O que friamente significa matar a unha persoa porque vai vestida de pallaso… pero dentro do comportamento dunha masa todo é posible.

As máscaras inquedan. Dá igual que sexa un pallaso ou non. Alonxan ao ser humano que hai detrás para convertelo noutra cousa. Sobre como usar o coñecemento e o medo para guiar masas temos sobrados exemplos. Se falamos de máscaras, Anonimus, é o mellor exemplo. Anónimus é a rede de “piratas” informáticos que se converteu en garante da súa particular xustiza en todo o mundo, e usa a máscara de "V" de Vendetta, como estandarte. A máscara é anonimato, impunidade, medo ao descoñecido… e para quen sabe xestionar ese medo, supón control sobre os demais.

Non hai ningunha proba que sustente a histeria colectiva co tema dos pallasos en USA. Unha vez a policía indaga non hai nada detrás, pero unha vez máis o comportamento de masa e un bo cebo, fan que a xente reaccione cara un lugar determinado. Neste caso non está claro o que está detrás , se é que hai algo intencionado detrás-. Algúns apuntan a que o ano que vén sairá unha secuela de IT, e que isto pode ser unha campaña de marketing , pode ser. Desde a compañía cinematográfica xa se apresuraron a dicir que non teñen nada que ver, e aínda que tiveran non o dirían, obviamente.

Máscaras, histeria colectiva, control e diñeiro... Sóalles a algo? Saben cantos casos houbo de Gripe A este ano en España? Lembran no 2009 cando todo o mundo ía morrer por falta de vacinas e se converteu nunha urxencia nacional? Lembran as imaxes de México cos aeroportos pechados e máscaras na cara? Lembran as luvas e os distribuidores de xabón para lavar as mans en cada esquina? Lembran ese pánico mundial? Que pasou? Erradicamos a Gripe A do mundo e non nos enteramos? ... e finalmente, lembran cantos miles de millóns de euros se invertiron en vacinas no mundo? Sementar medo, canalizar a reacción e control final. Non son os pallasos os que levan esas armas, son outros moito máis sinistros, non lle disparen aos pallasos.

Te puede interesar