Trump desencadeado

El candidato republicano a la Presidencia de EE.UU., Donald Trump, durante un acto de campaña.
photo_camera El candidato republicano a la Presidencia de EE.UU., Donald Trump, durante un acto de campaña.

Os talibáns eran un pobo amable que xogaba a unha especie de polo pero no canto de darlle á pelota cun pao loitaban por unha cabra. Non só eran amigos, senón que eran aliados en Afganistán fronte a un inimigo común: a URSS. 

Non e ningún segredo que a CIA instruíu a eses soldados locais nos anos 70. Xa eran igual de salvaxes coas mulleres, pero daquela polo que se ve daba igual. Tampouco é un segredo que esa relación logo se volveu contra os Estados Unidos. Se pensan que isto son teorías da conspiración ou está en libros ocultos só teñen que volver ver “Rambo” onde está reflectida esa escena que lles acabo de contar. Silvester Stallone, o heroe americano, xogando cos seus amigos os talibáns. Os lazos de Estados Unidos coas faccións agora radicais e terroristas foron máis fondos do que agora pode parecer… pero son certos e están máis que documentados. Agora ben, de aí a dicir como dixo Donald Trump que Obama e Clinton fundaron o ISIS hai un treito de demencia importante, un treito polo que Trump se move como peixe na auga.

Trump está desencadeado. Sen freo. Parece que quixera esnaquizar ao Partido Republicano, forzalo a que lle retire o apoio para xogar unha carta que ninguén é capaz de adiviñar. Ou iso, ou é que virou definitivamente tolo dentro da súa megalomanía. 

Unhas das siglas máis usadas polo seguidores de Trump son “PC”. Non ten nada que ver co Partido Comunista ou cun ordenador. PC significa “ political correctness” “politicamente correcto” e din con orgullo que están fartos do PC e Trump é o único que fala claro…o que nos leva a segunda parte igual ou máis grave ca esta.

“Colgade a esa zorra!” Esta frase -entre outras- foron gravadas por reporteiros do New York Times que se infiltraron nos mitins de Donald Trump para ver como reaccionaba a audiencia ás soflamas do seu líder. Hai de todo. Desde colgar a Hillary, a chamarlle “nigger” (negro de forma despectiva) a Obama, a frases como: “Se non falas inglés lárgate de aquí” etc. Machistas e xenófobos hainos en todos os lados. Posiblemente tamén se buscas entre as filas demócratas atopas algunha barbaridade coma esta. Cal é o problema? Á marxe do obvio, pois que todos estes que dixeron estas barbaridades están orgullosos delo, e o máis probable é que teñan unha arma na casa (ou no cinto). 

Antes de acusar a Obama e Clinton de fundar o ISIS -ante o estupor tamén de boa parte da súa audiencia- Trump incitou a que mataran a Clinton. Si, así de claro.  Como foi? Trump anunciou que Hillary Clinton ía abolir a Segunda Emenda, a que dá dereito a portar armas, e que se non se paraba nas urnas xa non habería forma de detela. Dito isto soltou a bomba: “Ben, ao mellor os defensores da Segunda Emenda (xente armada) si que saben como parala, non o sei”. Boom. Por partes. Para empezar a candidata demócrata avoga por un maior control de armas, non abolir nada, Trump minte. Segundo, non podería facelo aínda que chegue a ser presidenta e controle Congreso e Senado, non é tan doado. Terceiro, se calquera outra persoa do planeta se atreve a dicir algo como iso, pode estar certo de que a tal hora estaría no baixo dalgún edificio federal sendo interrogado polos servizos segredos dos Estados Unidos. Polo de agora o único que dixeron os servizos segredos foi algo así como que tomaban nota.

Trump dialecticamente non ten límite. Da igual o que diga, está demostrado. A palabra “fan” ven de “fanático” e Trump conseguiu ter fanáticos, un exército que non se cuestiona a máis mínima palabra do seu líder. Cun fanático non se pode razoar polo que unha vez a dialéctica non funciona hai que cambiar de estratexia, que é o que acaba de facer Hillary Clinton. Curiosamente o punto máis feble de Trump é do que máis presume, e por aí pode cavar a súa tumba: as finanzas. A Trump éncheselle a boca falando dos seus negocios sen contar as múltiples bancarrotas ou estafas (como a da Universidade de Negocios) etc… pero pode caer pola declaración da renda. 

É costume que os candidatos presidenciais amosen o seu patrimonio e as súas declaracións de impostos. Clinton acaba de facelo. Trump négase sistematicamente. Dicía o millonario Warren Buffet que o único motivo polo que alguén non amosa as súas contas é porque ten algo que ocultar. Que pode ocultar Trump? Moitas cousas e todas racharían co modelo de home de éxito que vende. A primeira é que cometeu algunha clase de fraude contable, a segunda, e que sería demoledora, sería que Trump non é tan rico nin exitoso como di que é. A do fraude sería perdoada polos fans, sen dúbida, dirían que é unha conspiración do Estado, pero se é a segunda, a fachada Trump caería como os seus edificios e só quedaría o fume que é. 

Al Capone foi cazado por evasión de impostos, este sería un final bastante poético para Trump.

Te puede interesar