Aberto o prazo para participar na Mostra de Teatro Amador

Un ano máis Tiruleque, Grupo de Teatro, organiza a Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” 2023, que se desenvolverá durante o mes de outubro e a primeira semana de novembro.

Este grupo carballiñés abre o prazo para que as agrupacións de teatro afeccionado envíen as solicitudes para poder participar, rematando a recepción o día 15 de xuño.

A organización espera contar coa axuda e subvencións da Deputación Provincial de Ourense e do Concello do Carballiño como xa se fixo en anteriores edicións.

Cada grupo seleccionado percibirá a cantidade de 550 euros pola súa actuación, e os socios da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), 800 euros.
Tamén anuncia que continuará coa concesión do Premio Tiruleque, que na pasada edición correspondeulle a Gargallada Teatro pola súa posta en escena de “Un desastre de función”, e que se outorgará, segundo o criterio da organización, ao mellor grupo teatral participante. Este premio, que non ten contido económico, consiste na contratación directa do grupo gañador para a futura XVII Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón” 2024, sen ter necesidade de pasar pola escolma do xurado cualificador.

Entre os requisitos, as obras deberán ser interpretadas no idioma galego.

Te puede interesar